Ir o contido principal

Un grupo internacional de expertos reunidos na USC reivindican que o traballo e o emprego deben ser de boa calidade para mellorar a saúde

A xuntanza de expertos celebrada este xoves no CEA concluíu coa presentación de conclusións no Colexio de San Xerome. Foto: Santi Alvite
A xuntanza de expertos celebrada este xoves no CEA concluíu coa presentación de conclusións no Colexio de San Xerome. Foto: Santi Alvite
Dado que o forte incremento do desemprego favoreceu a aparición de enfermidades, recomendan aos responsables políticos que se teña en conta o custe sociosanitario das medidas de austeridade aplicadas...

A crise económica en Europa produciu graves consecuencias sobre a saúde da poboación, aumentando a intensidade do traballo e a inseguridade no emprego. Neste senso, en particular, o forte incremento do desemprego favoreceu a aparición de enfermidades. Fronte esta realidade, as respostas políticas á crise económica a cotío non valoran as consecuencias para a saúde da poboación. Un grupo internacional de expertos reunidos este xoves 18 na Universidade de Santiago recomendan que os responsables políticos deben ter en conta os custes sociais das medidas políticas e laborais a adoptar para facer fronte á crise. Estas son algunhas das conclusións alcanzadas polos expertos reunidos en Santiago para estudar as consecuencias sociais e na saúde da actual crise económica e o desemprego. A presentación destas ideas desenvolveuse no transcurso dunha recepción do reitor Juan Casares aos participantes no encontro celebrada no Colexio de San Xerome. As conclusións formuladas na Reitoría da USC permitirán agora a elaboración dunha declaración que constituirá o documento de traballo para un próximo encontro da OMS en Florencia en 2013 e unha xuntanza de ámbito europeo en Lituania en 2014. Os expertos achegaron novas evidencias sobre os efectos adversos das medidas de austeridade salientando que o traballo “é importante para a saúde en xeral pero, en particular, para a saúde mental”. Engadiron ademais que “o traballo e o emprego deben ser de boa calidade co fin de mellorar a saúde”. Como se puxo de manifesto no encontro celebrado no Centro de Estudos Avanzados da USC, a investigación científica “achega datos sólidos sobre as principais características que debe ter un traballo saudable, pero o resultado deste traballo debe aplicarse no ámbito das empresas e das políticas nacionais”. Investigadores do Laboratorio de Estres e Neurinmunoloxía da Facultade de Medicina da USC e da Universidade de Estocolmo, coa colaboración do Grupo Compostela de Universidades, organizaron este encontro de traballo que tiña como nexo común a influencia da economía na saúde, con especial atención ao estres. Á xuntanza, coordenada por Manuel Freire-Garabal, acudiron expertos das universidades de Estocolmo, Lancaster, Pekin, Dusseldorf e Santiago, da London Business and Finance School, da London School of Economic and Political Science, da International School of Law and Business de Lituania, altos representantes da Organización Mundial da Saúde, da Unión Europea así como de diversos organismos europeos e internacionais con . No Centro de Estudos Avanzados da USC, o grupo tivo entre os seus temas de traballo o impacto da crise económica na saúde, o benestar e as estratexias para contrarrestar os seus efectos negativos; as formas de abordar a investigación e a implementación de medidas dende o punto de vista bio-psicosocial; a incidencia da crise en Irlanda, España, Alemaña e en Europa. Potenciar o capital humano Este grupo de traballo iniciou a súa andaina en 2009 na conferencia organizada durante as presidencias británica e sueca da UE no parlamento sueco (e na que tamén participaron representantes do Laboratorio de Estres e Neuroinmunoloxía da USC). Nesa ocasión adiantábase que a crise económica que se estaba instaurando semellaba dunha magnitude non experimentada dende a gran depresión na década de 1930. Para axudar a superala, o grupo propuxo a necesidade de potenciar o capital humano, favorecendo a existencia de máis e mellores traballos, xa que esta é a forma de promover o crecemento, mellorar a inclusión social e axudar a financiar sistemas de benestar. Así, presentáronse estudos sobre como reducindo o estres laboral no so se favorece a saúde dos traballadores, senón que tamén melloran as finanzas das empresas e as economías das nacións.

Ligazóns relacionados:

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.07.2013.