Un grupo de investigación da EPS de Lugo consegue a concesión dun proxecto de desenvolvemento en Ecuador
O proxecto do Laboratorio do Territorio (LaboraTe) pertencente ao grupo de investigación Territorio e Biodiversidade da Escola Politécnica Superior de Lugo, foi un dos seleccionados para ser financiado mediante as axudas á cooperación exterior da Xunta de Galicia, a través do programa Cooperación Galega.
O proxecto, encabezado polo profesor Rafael Crecente e dotado con 266.000 euros, denomínase “ Ecuador: Territorio Intelixente. Consolidación de Innovación, Desenvolvemento, Investigación e Transferencia (I+D+i+T) en Ordenación do Territorio e Tecnoloxías da Información Xeoespacial. Ecuador” e ten como finalidade a mellora das capacidades humanas e institucionais no ámbito da ordenación territorial e a información xeoespacial no país andino.
Ademais da USC, no proxecto participa tamén a Fundación Universidade da Coruña, así como sete universidades ecuatorianas que desenvolven actividades de investigación neste eido: Universidad Nacional de Loja, Escuela Politécnica Superior del Litoral, Escuela Politécnica del Ejército, Facultad Latinoamericana de Ciencias Sociales del Ecuador, Universidad Católica de Santiago de Guayaquil, Universidad de Cuenca e Universidad del Azuay.
Os resultados que se perseguen son, por unha banda, establecer as bases para a creación dunha rede de I+D+i+T entre as universidades ecuatorianas participantes e os promotores do proxecto (a USC e a Universidade da Coruña); e por outra, lograr o fortalecemento da Universidad Nacional de Loja como líder na organización territorial e a información xeoespacial no país suramericano.
Entre as actividades que se contempla desenvolver, destaca a celebración dun seminario internacional en Ecuador sobre ordenación territorial e información xeoespacial; ademais, xestionarase o traballo conxunto das universidades ecuatorianas en torno á creación da rede que as integre, así como coa posta en marcha dun programa de doutoramento conxunto entre varias delas. Estancias en Ecuador para a posta en marcha dun centro de investigación e accións de transferencia de coñecemento forman parte tamén das liñas de traballo.
O proxecto inclúe ademais un programa de bolsas en Galicia para os estudantes das universidades ecuatorianas, que poderán vir cursar o máster en Xestión Sostible da Terra e do Territorio da USC, ou o doutoramento nalgunha das dúas universidades participantes no proxecto.