Ir o contido principal

O grupo de investigación ICEDE organiza un seminario internacional sobre as políticas de innovación e o investimento en empresas innovadoras

O grupo de investigación ICEDE da USC organiza os días 29 e 30 de novembro un seminario internacional no que se analizarán as novas orientacións da política de innovación en diferentes partes de Europa e do mundo no relativo á promoción de investimentos innovadores e creación de empresas con alto potencial de crecemento. O encontro, que coordina o catedrático Xavier Vence, inaugurarao o conselleiro de Innovación e Industria o xoves 29 no Hostal dos Reis Católicos.
A atención dos participantes centrarase nas vías de promover o venture capital privado formal e informal (business angels) como ferramenta para a emerxencia e arranque de novos proxectos emprendedores que contribúan á diversificación do tecido produtivo e á emerxencia dun cluster de alta tecnoloxía na industria e nos servizos, condición esencial para o reforzamento da capacidade competitiva do noso país e a creación de empregos de alta cualificación.
No seminario, no que os membros de ICEDE darán a coñecer os resultados principais dun proxecto sobre esta materia, participarán expertos europeos de primeiro nivel como Phil Cooke, da Universidade de Cardiff; Rudy Aernoudt, ex ministro de innovación e empresa de Flandes e experto mundial en Business Angels; Morris Teubal, profesor da Universiadde de Jerusalem e especialista en políticas de innovación e venture capital; Claire Munck, secretaria executiva de EBAN (Rede Europea de Business Angels); ou Martí Pellón, catedrático da Complutense e o primeiro experto español en Capital Risco.
Así mesmo, no transcurso do encontro presentarase por primeira vez en Galicia o novo Mercado Bursatil Alternativo da Bolsa de Madrid, coa participación do presidente e vicepresidente do mesmo, como instrumento de potencial utilidade para facilitar as saídas ao capital risco e business angels.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.11.2007.