O grupo de investigación da USC Histagra colabora na organización dunha exposición sobre Santiago Álvarez
O grupo de investigación HISTAGRA da USC, a través do proxecto ‘Mobilización política e conflitividade social nun contexto de grandes cambios: a Galicia rural durante o tardofranquismo e a transición (1960–1982)’, colabora na organización da exposición ‘Santiago Álvarez, comunista...’ que se inaugura este xoves 24 ás 12.00 horas na Biblioteca Pública Ánxel Casal. Como complemento desta actividade, o mencionado proxecto de investigación e a Fundación 10 de Marzo organizan o 19 de febreiro ás 19.30 horas no salón de actos da propia biblioteca a mesa redonda ‘Santiago Álvarez e o programa agrario do Partido Comunista de España’, na que participarán Manuel Peña Rey, dirixente histórico do Partido Comunista de Galicia; Víctor M. Santidrián Arias, historiador especializado na historia do PCE; Ricardo Gurriarán, en representación da Fundación 10M; e Daniel Lanero Táboas, historiador do Departamento de Historia Contemporánea e de América da USC e membro de HISTAGRA. O proxecto ‘Mobilización...’ é unha das varias estruturas de investigación integradas no Grupo de Referencia Competitiva HISTAGRA e na que traballan Ana Cabana, Alba Díaz, Araceli Freire, Antonio Míguez e Daniel Lanero. A difusión social dos seus resultados e a colaboración con outras instancias da sociedade civil é un dos seus principais propósitos.