Ir o contido principal

O grupo LITER21 da USC participa en Italia nunhas xornadas internacionais de literatura infantil e xuvenil

Organízaas a Asociación Nacional de Investigación en Literatura Infantil e Xuvenil que preside a profesora Blanca-Ana Roig

‘¿Tradúcesme unha historia?: a tradución no ámbito infantil e xuvenil’ é o título das III Xornadas Internacionais de Literatura Infantil e Xuvenil que terán lugar na Universidade de Bolonia entre o 25 e o 27 de marzo organizadas pola Asociación Nacional de Investigación en Literatura Infantil e Xuvenil (ANILIJ) que preside a profesora Blanca-Ana Roig Rechou e da que forman parte os membros do Grupo LITER21 da USC. Esta asociación leva organizando congresos e xornadas desde 1999 en activa colaboración coa Asociación Galego-Portuguesa de Investigación en Literatura Infantil e Xuvenil (ELOS), que se constituíu en sección oficial de ANILIJ e que engloba a investigadores de Galicia e Portugal, dándolle así entrada á lusofonía. En edicións anteriores ANILIJ celebrou encontros en Vigo, Alcalá de Henares, León, Cádiz e Guadalajara (México), e agora viaxa a Italia a través da profesora e socia Gloria Bazzocchi que as organiza na Scuola di Lingue e Letterature, Traduzione e Interpretazione, con sede en Forlì, coincidindo coa celebración da Feira Internacional do Libro de Boloña, unha das máis importantes de Europa. Oportunidade única Ademais das comunicacións, conferencias plenarias e mesas redondas, a xunta directiva de ANILIJ presentará a asociación e dará unha conferencia sobre a tradución de literatura infantil e xuvenil en Galicia na Feira de Boloña, unha oportunidade única para dar a coñecer o labor que dende Galicia se está a realizar tanto ao redor da investigación coma da tradución de literatura para os máis novos. As liñas temáticas destas terceiras xornadas versarán sobre a tradución en xeral da literatura infantil e xuvenil, pero tamén sobre a audiovisual para nenos, a do cómic e da novela gráfica, do teatro infantil, da tradución e/ou adaptación dos clásicos, da relación entre texto e imaxe e da función da tradución en comunidades con linguas minoritarias/minorizadas, entre outros aspectos. As xornadas están dirixidas a todo tipo de investigadores, estudosos, tradutores, profesores, bibliotecarios e persoas en xeral interesadas neste saber, que nesta ocasión se centra na tradución, un dos campos de estudo máis frutífero pola súa dobre vertente de ben cultural e ben comercial. O prazo para presentar propostas de comunicación remata o vindeiro 3 de marzo e pódense enviar a anilij [at] yahoo.es (anilij[at]yahoo[dot]es) ou a anilij [at] uvigo.es (anilij[at]uvigo[dot]es). Os asistentes en xeral poden inscribirse ata o 20 de marzo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.02.2013.