Ir o contido principal

O grupo Migra presenta a súa base de datos de escritores en linguas ibéricas

Farao no marco das xornadas sobre literatura e migración que organiza a Cátedra Jean Monnet os días 6 e 7 de maio

O grupo de investigación Migra presentará este martes a súa base de datos de escritores que migraron á Península Ibérica e que cambiaron a súa lingua por unha lingua Ibérica. Esta presentación enmárcase nos actos das xornadas ‘Literatura e Migración’ que organiza a Cátedra Jean Monnet ‘A cultura da integración europea’ da USC e que se celebrarán os días 6 e 7 no Centro Ramón Piñeiro en Santiago. Trala inauguración das xornadas, mañá ás 10.00 horas, os integrantes do grupo Migra, presentarán a base de datos e explicarán as súas peculiaridades e obxectivos. Migra é un proxecto de investigación colectivo e colaborativo dirixido polo profesor de literatura comparada da USC César Domínguez. Este equipo internacional estuda o fenómeno da migración baixo unha perspectiva multidisciplinar e o seu principal obxectivo é facer visible o este fenómeno e proporcionar aos investigadores unha ferramenta que favoreza a análise interibérica, así como a súa extrapeninsularidade. O programa para o martes continúa coas intervencións de Mitzi Guerrero ‘Me, migration and Myself: una lectura experiencial sobre migración’ e Facundo Reyna coa charla ‘Galicia e Arxentina na literatura. Diálogos transoceánicos’. A mañá remata coa conversa co Foro Galego de Inmigración. Ás 17.00 retómase o programa coas intervencións de Isabel Domínguez que falará dos ‘ Desafíos da elaboración de bases de datos: O caso de Déborah VuKušić’ e a continuación será a quenda de César Domínguez coa charla ‘A escritura migrante no contexto ibérico’. A primeira xornada rematará cun café literario cos escritores Laila Karrouch e Bilal Traoré. A segunda das xornadas estará dedicada a analizar no contexto da literatura e a migración o teatro, a literatura xuvenil galega do século XXI, ás fronteiras políticas e sociais, ou a educación entre outros temas. I mportancia do fenómeno Aínda que o fenómeno inmigratorio é, en termos numéricos, menos importante na Península Ibérica que en países coma o Reino Unido, Francia, Alemaña e Italia, nos últimos anos estamos a asistir á primeira xeración de escritores que cursaron todos os seus estudos –dende os primarios ata os universitarios- na Península, con Cataluña como espazo máis relevante. A produción literaria destes escritores é un factor determinante á hora de cuestionar concepcións tradicionais das literaturas ibéricas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.05.2014.