Ir o contido principal

O grupo de música tradicional ‘Milesios’ interpretará este xoves na Casa do Saber pezas do seu primeiro traballo discográfico ‘Alén mar’

Integrantes do grupo de música tradicional 'Milesios'
Integrantes do grupo de música tradicional 'Milesios'
O concerto comezará ás 20.30 horas e servirá de peche a programación musical incluída no ciclo ‘Lubicán’ 2014. A entrada é libre e de balde ata completar aforo

O grupo de música tradicional ‘ Milesios’ ofrecerá este xoves, a partir das 20.30 horas, no auditorio da Casa da Saber de Lugo, un concerto no que interpretará boa parte dos 14 temas que integran o seu primeiro traballo discográfico, ‘Alén mar’, así como outras composicións propias ou pezas de música tradicional.

Esta formación musical nada en 2009 no concello lugués de Castro de Rei e integrada por sete compoñentes (Manuel Mª Veiga, bouzouki, guitarra, mandolina e baixo; Nazaré Guerreiro, pandeireta e voz; Paula Veiga, violín; Xesús Villarino, gaitas, frautas, ocarina e voz; Senén Montero, percusións e voz, e Moucheiro, guitarra, bouzouki e voz), que comparten o interese común por interpretar música de raíz galega e irlandesa, conta xa cunha ampla experiencia de actuacións en festivais, así como en locais de música en directo de distintas localidades galegas. Desde a súa constitución, ‘Milesios’ ten protagonizado actuacións en diversos festivais, tales como o son Penela Rock, Rabafolc, Festival celta máis pequeno do mundo, Pardiñas, Noite celta de Porcía ou mesmo no San Froilán de Lugo. Este grupo de Castro de Rei tamén foi seleccionado entre os finalistas de todas as formacións que participaron en 2011 no Proxecto Runas do Festival de Ortigueira e na edición de 2012 do certame Folk en la Sierra (FIS 2012). O primeiro disco de Milesios, ‘Alén mar’, que recibe o nome dunha das primeiras composicións do grupo e alusiva á viaxe que os Milesios fixeron hai miles de anos desde as costas galegas cara Irlanda, conxuga obras tradicionais con composicións propias e, como novidade, inclúe dúas pezas cantadas. O concerto que ofrecerá ‘Milesios’ este xoves na Casa do Saber de Lugo servirá de peche do programa musical incluído no ciclo ‘Lubicán’ 2014, un proxecto financiado ao abeiro do convenio Lugo Cultural, no que están representados o Concello e a Deputación de Lugo xunto coa USC.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.06.2014.