Ir o contido principal

O Grupo de Residuos Orgánicos, Fertilizantes e Ecoloxía Agraria da USC e Verdiberia-Aqualab desenvolven un novo abono órgano mineral a base de residuos orgánicos

Integrantes do Grupo de Residuos Orgánicos, Fertilizantes e Ecoloxía Agraria da USC, nos exteriores da EPS do campus de Lugo
Integrantes do Grupo de Residuos Orgánicos, Fertilizantes e Ecoloxía Agraria da USC, nos exteriores da EPS do campus de Lugo
Os investigadores do Ibader proban os resultados deste fertilizante con ensaios en distintas parcelas cultivadas en Lugo e na súa contorna

O Grupo de Residuos Orgánicos, Fertilizantes e Ecoloxía Agraria (GI1649) da USC e a empresa Verdiberia-Aqulab traballan no desenvolvemento dun novo abono órgano mineral a base do aproveitamento de residuos orgánicos, logo da súa pertinente hixienización mediante un procedemento patentado ácido/básico, segundo explicou a coordinadora deste equipo de investigación adscrito ao Ibader.

Elvira López Mosquera sinalou que esta nova liña de investigación, que comezou en maio de 2012 coa firma dun convenio entre o GI1649 e Verdiberia-Aqualab e que pretende unha nova vía de aproveitamento de residuos orgánicos, atópase agora na fase de ensaios de campo. Algúns dos ensaios de proba deste novo fertilizante, que se presenta en formato granulado, están a desenvolverse en parcelas cultivadas do concello de Lugo e da súa contorna, ademais de nalgúns latifundios agrícolas en Portugal. O novo abono órgano mineral desenvolvido por Verdibeira-Aqualab, un produto que ten como base residuos orgánicos con nitróxeno e fósforo, antóllase como “un fertilizante á carta”, segundo dixo López Mosquera, quen precisou que “este novo abono pode ser completado con outros compoñentes minerais, tales como o potasio, e nas porcentaxes que se desexe, en función das características dos cultivos e dos solos nos que se aplique”. Os resultados deste novo fertilizante están aínda no seu proceso de avaliación, aínda que Verdibeira-Aqualab xa ten comprobado o bo rendemento deste abono órgano mineral en plantacións de millo, caña de azucre e soia cultivadas en Suráfrica. Á espera de completar a fase de probas deste novo abono órgano mineral, a directora do Ibader e coordinadora do equipo de investigación GI1649 da USC, salienta que este novo fertilizante presenta certas vantaxes respecto doutros abonos minerais. López Mosquera sinala neste senso que este novo abono engade aos compoñentes minerais específicos de nitróxeno, fósforo e outros, as propiedades xa contidas nos propios residuos orgánicos. Asemade, a liberación dos nutrientes deste abono no solo prodúcese de xeito gradual no tempo, xa que tarda máis tempo en descompoñerse, o que fai deste fertilizante máis resistente aos procesos de lixiviación que experimentan os cultivos cando se rexistran fortes choivas. Colaboración e asesoramento O traballo desenvolvido ata o momento polo Grupo de Residuos Orgánicos, Fertilizantes e Ecoloxía Agraria da Universidade de Santiago ao abeiro deste convenio de investigación con Verdiberia-Aqualab centrouse en tarefas de asesoramento, tanto no que atinxe ao cumprimento de todas as esixencias legais e formais para que este novo abono acade o rexistro do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, como para o desenvolvemento de formulacións axeitadas para os principais solos e cultivos de Galicia. López Mosquera apuntou neste senso que a participación do GI1649 neste proxecto de investigación alentado polo sector privado encádrase na pretensión de Verdiberia- Aqualab de comezar a comercialización deste novo produto no mercado español e tamén europeo. De feito, Verdiberia-Aqualab, unha compañía de capital luso maioritariamente, vén de rematar a construción dunha nova planta no polígono industrial de As Pontes de García Rodríguez, desde onde podería iniciar a comercialización dos seus produtos para o resto de Europa.

O Grupo de Investigación de Residuos Orgánicos, Fertilizantes e Ecoloxía Agraria da Universidade de Santiago está constituído por un equipo interdisciplinar coordinado por Elvira López Mosquera e do que tamén forman parte Adolfo López Fabal, Teresa Rodríguez López e Emilio Carral Vilariño, contando coa colaboración da profesora do Dpto. de Edafoloxía, Socorro Seoane Labandeira. O técnico Rafael Corral Bellas está tamén vinculado a este laboratorio de investigación, acreditado pola ISO9001 para a realización de análises de solos, residuos orgánicos e planta.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.02.2013.