Ir o contido principal

O grupo teatral Gula Gula estrea este domingo a súa primeira montaxe na VIII Mostra de Teatro Cidade de Lugo

Gula Gula, o grupo teatral independente da USC, estrea este domingo 13 a súa primeira montaxe ‘ Blue Island, un lugar axeitado para criminais’ dentro da oitava edición da Mostra de Teatro Cidade de Lugo, que organiza o Concello lugués coa colaboración da Vicerreitoría de Cultura da USC e a Escola de Arte e Lecer Fingoi. ‘Blue Island, un lugar axeitado para criminais’ é dunha peza inspirada no cine negro dos anos cincuenta, escrita e dirixida por Iria Acevedo a través dun traballo baseado en improvisacións. A obra baséase nas pescudas do detective privado John Lexter para descubrir quen matou ao señor Fontaine, mesturando o baile, a música en directo e grandes doses de humor. O grupo teatral Gula Gula nace como grupo independente de teatro no Campus de Lugo no ano 2009 e está constituído por cinco membros de distinta traxectoria teatral, Iria Acevedo, Xavier Loureiro, María Villar, Conchi Madrina e Elvira Velasco. Varios dos seus integrantes xa formaron parte da Aula Universitaria en anos anteriores, participando en montaxes con directores como Quico Cadaval e Xulio Lago.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.06.2010.