O grupo de teatro do IV Ciclo representa este luns na Casa do Saber ‘Unha vez foi o trebón’, baseada na obra de Manuel María
O grupo Vaites, Vaitesteatro, formado por alumnado do IV Ciclo da USC e integrado na Aula de Teatro do Campus Terra que coordina Paloma Lugilde, presentará o luns 19 de decembro, a partir das 20.30 horas, un estudo teatral baseado na obra ‘Unha vez foi o trebón’, de Manuel María, que narra as guerras irmandiñas
Esta actuación encádrase no marco das actividades promovidas pola Asociación do IV Ciclo Universitario do campus de Lugo en lembranza de Manuel María no ano no que se lle dedicou o Día das Letras Galegas. A entrada á representación é libre e de balde para todo o público interesado. A representación teatral programada para o luns terá como protagonistas un elenco formado por 12 actores que ao longo do curso pasado e tamén durante este último trimestre afondaron na escrita de Manuel María nos obradoiros teatrais desenvolvidos ao abeiro da Aula de Teatro do Campus Terra da USC. Alén da posta en escena deste estudo teatral da obra de Manuel María, o alumnado da Aula de Teatro do campus de Lugo xa está a traballar noutra nova representación, cuxa temática estará ligada á obra ‘Os vellos non deben namorarse’, de Castelao.