Ir o contido principal

O Grupo de Traballo para a Seguridade Sanitaria deseñará accións que garantan unha Universidade en condicións de máxima seguridade

O grupo mantivo este xoves a primeira dunha serie de reunións
O grupo mantivo este xoves a primeira dunha serie de reunións
O equipo reuniuse este xoves coa intención de definir como será a actividade da USC no contexto presencial da nova normalidade, pero tamén no caso de ter que adaptarse a circunstancias de semi confinamento ou de confinamento total
Lugo, Santiago de Compostela

Para o reinicio da actividade universitaria e a atención ao futuro máis inmediato, a USC acaba de crear o Grupo de Traballo para a Seguridade Sanitaria co que pretende garantir unha Universidade en condicións de máxima seguridade e no que xa están a traballar o Servizo de Prevención de Riscos, Vixilancia da Saúde, a Área de Seguridade, así como expertos en Saúde Pública e Prevención de Riscos Laborais. Este grupo nace coa intención de perfilar as accións precisas en contextos laborais diferentes ante un hipotético rebrote da pandemia pola COVID-19: o da presencialidade dentro da nova normalidade, o dun posible semi confinamento ou o do confinamento total como o xa vivido nas últimas semanas.

Partindo deste obxectivo, o grupo mantivo este xoves a primeira dunha serie de reunións para planificar as mellores condicións de traballo seguindo sempre as recomendacións das autoridades sanitarias. Presidida polo xerente, Javier Ferreira, na reunión tomaron parte Pilar Martínez, vicexerenta de Persoal, Investigación e Planificación Estratéxica; Carlos Toural, director do Gabinete do Reitor; Juan Oreiro, director da Oficina de Xestión do Servizo de Prevención de Riscos; Ángeles Sandar Picado, directora do Servizo de Vixilancia da Saúde; María Isabel García del Río, responsable da Área de Seguridade; Francisco Caamaño Isorna, profesor de Medicina Preventiva e Saúde Pública e Director do Departamento de Psiquiatría, Radioloxía, Saúde Pública, Enfermaría e Medicina; Jesús López Romalde, profesor do Departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía; así como José Joaquín Vidal Portabales, profesor do Departamento de Dereito Público Especial e da Empresa e experto en Prevención de Riscos Laborais.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.05.2020.