Ir o contido principal

Un grupo da USC elaborará o atlas das rexións europeas fronte á Estratexia 2020, o documento da Comisión Europea para saír da crise

Os integrantes do grupo reuníronse co reitor no seu despacho de San Xerome para explicarlle os detalles do proxecto. De esquerda a dereita, a tecnóloga Ángeles Piñeiro; o investigador Valeria Paul; a...
Os integrantes do grupo reuníronse co reitor no seu despacho de San Xerome para explicarlle os detalles do proxecto. De esquerda a dereita, a tecnóloga Ángeles Piñeiro; o investigador Valeria Paul; a...
A confección do atlas é o principal obxectivo dun proxecto de investigación concedido ao grupo ANTE ao abeiro do programa ESPON

Os xeógrafos e expertos territoriais do grupo de investigación de Análise Territorial (ANTE) da USC serán os encargados de elaborar un atlas das rexións da Unión Europea fronte á Estratexia 2020 que a Comisión Europea deseñou en 2010 como plan xeral para a saída da crise aplicable ao conxunto dos países comunitarios. O grupo ANTE procurará principalmente coñecer como as distintas rexións europeas responden á Estratexia 2020 para situalas individualmente e por grupos (macrorexións e grupos temáticos) ante a actual crise e as distintas políticas pensadas para saír dela. O proxecto Spatial Indicators for a ‘ Europe 2020 Strategy’ Territorial Analysis (SIESTA) subliña a importancia de atopar os indicadores territoriais axeitados aplicables a todas as rexións obxecto de estudo. Será a USC quen lidere a investigación e coordine a rede na que participan como socios o CNRS (Francia), a Universidade de Poznan (Polonia), a Universidade de Reggio Calabria (Italia), a Aberta Helénica (Grecia), a Universidade de Bucarest (Romanía), a College de Dublín (Irlanda) e a consultora MCRIT (España). Os traballos iniciaranse este mes de agosto coa previsión de finalizar nun período de doce a dezaseis meses. O coordinador xeral do proxecto é o catedrático Rubén Camilo Lois, a xestión correspóndelle ao investigador posdoutoral Valerià Paúl e a xestión da comunicación ao doutor en Xeografía Xosé Carlos Macía. Os tres, xunto cos tamén membros do grupo ANTE María José Piñeira e o Miguel Pazos, entre outros, traballaron na candidatura da USC que resultou gañadora fronte ás outras cinco presentadas que contaban co apoio de prestixiosas universidades do territorio da UE, tanto francesas como italianas, británicas e alemás. ESPON, o observatorio territorial paneuropeo O proxecto conta cun financiamento de 400.000 euros da European Observation Network for Territorial Development and Cohesion (ESPON), organismo da Unión Europea encargado de asesorar á Comisión. ESPON orzaméntase a cargo do fondo FEDER e dos 31 países participantes no programa (os 27 da Unión máis Islandia, Liechtenstein, Noruega e Suíza). Os resultados producidos no seo do programa ESPON son empregados pola Comisión Europea no deseño das políticas rexional, de cohesión, agraria (PAC), pesqueira (PPC), ambiental, industrial ou de cooperación comunitarias. En concreto, SIESTA ofrece gran relevancia para a confección da futura política rexional comunitaria post-2013, toda vez que remate o actual período 2007-2013. O grupo ANTE O Grupo ANTE da USC dedícase á investigación da dimensión territorial de temáticas sociais e económicas, preferentemente no ámbito rexional e interrexional. Habitualmente leva a cabo investigacións a escala de países e grupos de países (destacan as recentes desenvolvidas no marco da política de cooperación española en África) e tamén local ou comarcal. O grupo puxo sempre unha énfase especial na avaliación das políticas públicas con incidencia territorial, proviñesen estas de gobernos rexionais ou estatais ou das institucións europeas. De feito, xa participara activamente como socio en proxectos ESPON anteriores e en proxectos concedidos ao abeiro do V Programa Marco da Comisión Europea. Entre as políticas públicas máis investigadas por ANTE está a ordenación do territorio, en cuxo seo se adoita incardinar a política rexional. Rubén Lois Rubén Lois é catedrático de Análise Xeográfica Rexional da USC. Centra as súas pescudas en xeografía urbana, estudos rexionais, planificación territorial e planeamento urbano, turismo e xeografía social e cultural. Entre 2003 e 2005 foi decano da Facultade de Xeografía e Historia, para pasar a ser director xeral de Turismo da Xunta de Galicia até 2009. Lois dirixiu un work package do proxecto ARTS (Actions on the Integration of Rural Transport Services, V Programa Marco da Comisión Europea, 2004-2006) e a participación de ANTE como socio dun proxecto ESPON no mesmo período sobre a política pesqueira europea. Tamén dirixiu o proxecto ATLANTE sobre cidades históricas no seo de INTERREG 2004-2005. Na actualidade é o investigador principal do proxecto Sistema de indicadores para a análise das dinámicas urbanas en España a comezos do século XXI (URBMETRO21), financiado polo Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía para 2010-12. Valerià Paül Valerià Paül é investigador posdoutoral contratado co programa Ángeles Alvariño da Xunta no Departamento de Xeografía da USC. As súas pescudas céntranse na xeografía rural, nos estudos de paisaxe e na ordenación territorial. Licenciado en Xeografía pola Universitat de Barcelona (2001), foi premio extraordinario de licenciatura e premio nacional fin de carreira do Ministerio. En 2006 doutorouse na mesma universidade, premio extraordinario de doutoramento e doutor europeo. Traballou como investigador no Institut d’Estudis Territorials da Pompeu Fabra desenvolvendo investigación aplicada para institucións locais, rexionais, estatais e europeas, tarefas que compaxinou coa docencia no Máster de Turismo da Universidade de Vigo. Participou e participa en proxectos de investigación competitiva financiados pola Generalitat, pola Xunta e polo Ministerio de Ciencia español, así como en proxectos da AECID en América (Arxentina e Brasil). Carlos Macía Carlos Macía é profesor contratado interino na Universidade de Vigo e membro do grupo ANTE. A súa investigación dedícaa ás interrelacións entre tecnoloxías da información, sociedade dixital e territorio. Licenciado e doutor en Xeografía pola USC, foi investigador posdoutoral na Universidade irlandesa de Cork. Coordinou a experiencia E-Brión de alfabetización dixital no marco do proxecto SINDUR desenvolvendo tarefas de comunicación. Na actualidade participa en proxectos concedidos por concorrencia competitiva a escala estatal (URBMETRO21) e en contratos de investigación (Clúster Agroalimentario de Galicia). Membro fundador e presidente da Asociación Universitaria de Ciencias Sociais e Humanidades Galicia Iberoamérica (AGALI), promove e coordina o Máster Planificación e Estratexias Territoriais na Sociedade da Información: Oportunidades de desenvolvemento nun mundo globalizado, título propio da USC impartido integramente en liña.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.07.2011.