Ir o contido principal

Un grupo da USC entra no consorcio internacional Archer de investigadores especializados en análise multifactorial e lingüística de corpus

O grupo ‘Variación, Cambio Lingüístico e Gramaticalización’ que dirixe a catedrática de Filoloxía Inglesa da USC Teresa Fanego entrou a formar parte do Consorcio Internacional Archer, que ten a súa orixe nas pioneiras investigacións sobre os xéneros estilísticos levadas a cabo desde principios dos 90 polos catedráticos de Lingüística das Universidades de Arizona e Southern California, Douglas Biber e Edward Finegan, respectivamente.
Mediante a aplicación de técnicas estatísticas e computacionais moi complexas, os profesores Biber e Finegan viñeron examinando as funcións comunicativas e os trazos lingüísticos que caracterizan a cada xénero ou rexistro textual. Concretamente, variedades discursivas como a narrativa, o xénero epistolar, o discurso académico, a prosa xornalística, o estilo científico, a prosa relixiosa, a prosa legal ou, así mesmo, a lingua falada (fronte á lingua escrita) ou o fala feminina (fronte á masculina).
Archer proponse agora ir un paso máis aló e examinar a evolución dos xéneros textuais desde a perspectiva diacrónica co obxecto de comprobar os patróns de cambio lingüístico, estilístico e sociolingüístico que se produciron en cada xénero ou variedade de fala ao longo do tempo. Con tal fin, os investigadores integrados no Consorcio están recompilando e analizando un conxunto moi extenso de textos computerizados, representativos dos xéneros mencionados, que abarcan o período 1600-2000 así como as dúas principais variedades xeográficas da lingua inglesa (a británica e a americana).
Consorcio ArcherO Consorcio Archer componse de trece equipos de investigación das universidades americanas e europeas Northern Arizona, Southern California, Michigan, Helsinki, Uppsala, Friburgo, Heidelberg, Bamberg, Zurich, Manchester, Lancaster, Salford e agora Santiago de Compostela.
O equipo que dirixe a profesora Fanego, do que forman parte as profesoras titulares María José López Couso, Belén Méndez Naya, Paloma Núñez e Elena Seoane, formalizou a súa incorporación en dúas reunións de traballo celebradas en decembro de 2008 no Centro de Estudos Avanzados da Universidade de Friburgo e o pasado maio na Universidade de Lancaster.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.06.2009.