O grupo Volando Libre presenta o proxecto multicultural ‘Miel y Jengibre’ este sábado na Casa do Saber de Lugo

O grupo musical lugués Volando Libre presentará este sábado 30 de xaneiro, a partir das 20.30 horas, no auditorio da Casa do Saber de Lugo, o proxecto multicultural ‘Miel y Jengibre’. Este concerto, que será de entrada libre e de balde ata completar aforo, servirá de peche da campaña de micro mecenado emprendida polos músicos que integran esta formación luguesa para poder gravar un disco.
O repertorio musical que ofrecerá Volando Libre neste concerto é unha mostra do seu primeiro traballo de autor e baséase en viaxes musicais, lembranzas e vivencias autobiográficas. A música do futuro disco, xunto cun vídeo dirixido por Enrique Otero e realizado pola produtora Control Z, formarán parte dunha obra de teatro musical de produción propia do equipo artístico e creativo de Volando Libre. O grupo Volando Libre, no que se respira un clima de libre creación e frescura á hora de facer música, naceu en 2002 en Lugo e está formado polo clarinetista Alfredo G. Sieiro (Galicia), o acordeonista e vocalista Vadim Yukhnevich (Bielorrusia), o guitarrista e vocalista Andrey Volodin (Rusia). Na actualidade esta formación conta tamén coa participación do talentoso contrabaixista Antonio R. Cienfuegos (Galicia).