O grupo Xuvenciencia da USC e a Universidade Junior de Porto estudan colaboracións para os campus de verán

O grupo de Divulgación da Ciencia e da Tecnoloxía Xuvenciencia da USC, coordinado pola profesora Mercedes Novo Rodríguez e integrado por docentes e investigadores dos distintos centros universitarios do campus de Lugo, mantivo este venres unha reunión de traballo cos coordinadores da Universidade Junior de Porto Filomena Mesquita e Vítor Silva, a fin de estudar posibles vías de colaboración entre dous proxectos promovidos pola USC e a Universidade de Porto co obxectivo de espertar o interese pola ciencia e a investigación entre a mocidade.
A reunión de traballo entre os coordinadores da Universidade Junior de Porto, o maior programa de ensino preuniversitario existente en Portugal, e o grupo Xuvenciencia da USC desenvolveuse na Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo, onde o vicerreitor Javier Bueno, que ofreceu unha recepción aos profesores visitantes, tamén participou neste primeiro encontro de traballo hispano luso, ao que asistiron, ademais de Mercedes Novo, outros profesores do campus de Lugo agromados en Xuvenciencia, tales como Marta López Alonso, Montserrat Valcárcel e Wajih Al-Soufi. A profesora Mercedes Novo salientou que o obxectivo desta encontro bilateral entre profesores e investigadores do campus de Lugo da USC cos coordinadores da Universidade Junior de Porto, un proxecto nado ao abeiro da Universidade de Porto, é o de estreitar ligazóns e analizar posibilidades de colaboración, ademais de estudar o futuro intercambio e mobilidade de docentes e estudantes entre o Campus de Verán Xuvenciencia e a Universidade Junior de Porto. Trátase de sentar as bases cara a futura internacionalización do Campus de Verán Xuvenciencia, indicou Novo, quen entende que estes itinerarios poden servir asemade para facer promoción da oferta académica e da investigación desenvolvida na USC, en xeral, e no campus de Lugo, en particular, no país veciño. As universidades ‘junior, ‘kinder’ ou ‘children’ naceron coa pretensión de espertar o interese pola ciencia e pola investigación entre os nenos e mozos, a través da organización de relatorios, obradoiros e outro tipo de actividades organizadas profesorado universtiario e en espazos das universidades. Este cometido está tamén entre as premisas do Grupo de Divulgación da Ciencia e da Tecnoloxía Xuvenciencia da USC, un equipo multidisciplinar e representativo da oferta académica e das liñas de investigación que se desenvolven no campus de Lugo que botou a andar o Campus de Verán Xuvenciencia, un programa dirixido a estudantes de 4º de ESO e 1º de Bacharelato. Ademais de desenvolver dous proxectos con moitas semellanzas, aínda que en territorios diferentes e cunha tradición moito máis dilatada no caso da universidade lusa, o grupo de Divulgación da Ciencia e da Tecnoloxía Xuvenciencia da USC tamén está integrado na Rede Europea de Universidades de Nenos e Mozos (eucu.net) , á que tamén pertence a Universidade Junior de Porto, un proxecto que reúne cada mano máis de 5.000 estudantes portuguesas de ensino básico e secundario nas distintas actividades, programas e campamentos que organiza entre os meses de xuño e setembro. Este tipo accións, cunha duración habitual dunha semana, permiten aos escolares participantes explorar as distintas áreas de ensino e investigación que ofrece a Universidade de Porto, ao tempo que contribúe a espertar posibles vocacións científicas entre os máis novos.