Grupos de investigación das universidades de Santiago e Vigo convocan o ‘Concurso para a selección de materiais RIES’
A Rede RIES, que conforman seis grupos de investigación das universidades de Santiago e Vigo baixo a coordinación do catedrático Miguel Anxo Santos Rego, convoca o ‘Concurso para a selección de materiais RIES’. A súa finalidade é a selección de materiais educativos, inéditos e elaborados nos últimos cinco anos, así como promover e recoñecer as prácticas educativas e a tarefa do profesorado e doutras persoas e institucións na produción de recursos dirixidos ao desenvolvemento da percepción da diversidade cultural como valor. Poden participar as persoas físicas (de xeito individual ou en equipo), as entidades sen ánimo de lucro e os centros de ensino público ou privados. Establécense dúas categorías, Infantil e Primaria e Educación Secundaria Obrigatoria (ESO). Os premios terán unha contía de 750 € para a modalidade de materiais impresos e de 750 € na modalidade de materiais multimedia en ambas as dúas categorías. As bases da convocatoria pódense consultar na web ou dirixíndose ao correo electrónico rede.ries [at] usc.es (rede[dot]ries[at]usc[dot]es) así como no teléfono de contacto 881-813890.