Os grupos da USC Histagra e Historia da Literatura Galega amplían o prazo para visitar a mostra ‘80 anos. Santiago 1936’
Os grupos HISTAGRA e Historia da Literatura Galega, ambos os dous da USC, decidiron ampliar ata o 9 de outubro o prazo de apertura da mostra ‘80 anos. Santiago 1936’ que contabiliza máis de 1.600 visitas nos dous meses que leva exposta na Fundación Granel (Praza do Toural).
A exposición pretende explicar como puido pasarse dunha imaxe a outra. Como, en tan poucos días, Santiago pasou de ser unha cidade en plenas festas do Apóstolo, na que aínda se festexaba o Estatuto de Autonomía de Galicia, ao triunfo do golpe de estado. Cun “novo relato” elaborado a 80 anos daquel pasado incómodo cóntase cómo as rúas de Compostela pasaron de ser un espazo de convivencia, pugna e pluralidade democrática, a converterse no escenario do medo, da persecución e da matanza.
A mostra pode visitarse de martes a venres de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 e os sábados de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas.