Tres grupos da USC participan no recén creado Instituto de Bioenxeñaría en Rede para o Envellecemento Saudable
Os grupos de Cirurxía, I+D Farma e Cirurxía, Radioloxía e Ecografía Experimental Veterinaria da Universidade de Santiago forman parte do novo Instituto de Bioenxeñaría en Rede para o Envellecemento Saudable que este luns quedou constituído cos 13 equipos científicos de Galicia e do Norte de Portugal que o conforman.
O novo consorcio de coñecemento, coordinado pola Universidade de Vigo, aglutina os esforzos de máis de 150 investigadores da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal que traballarán en rede co obxectivo de desenvolver e implementar solucións baseadas na bioenxeñaría para o diagnóstico e o tratamento de enfermidades asociadas ao envellecemento.
IBEROS, que nace co apoio do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza Interreg España-Portugal 2014-2020 (POCTEP) da Unión Europea, conta cun orzamento de preto de 2 millóns de euros ata 2020 para que os seus 152 membros compartan coñecemento e desenvolvan proxectos conxuntos.
A estratexia de IBEROS busca o desenvolvemento de solucións tecnolóxicas a partir das capacidades dos seus grupos de investigación, concentradas en tres áreas científicas. Desde a área de biomateriais deseñaranse produtos sanitarios mellorados respecto dos xa existentes como próteses, implantes ou recheos óseos para solucionar problemas relacionados co aparello locomotor. Os expertos en nanotecnoloxía abordarán o desenvolvemento de novas terapias e métodos de diagnóstico precoz para enfermidades neurodexenerativas como o Alzhéimer ou o Párkinson. Por último, desde a área de biosensores traballarase no deseño e desenvolvemento de novos dispositivos e instrumentación biomédica innovadora.
Grupos de oito entidades
Ademais da USC, Iberos está integrado polos grupos de Novos Materiais, Química Coloidal e TeamNanoTech da Universidade de Vigo; e os de Bioquímica de Alimentos e de Reciclaxe e Valorización de Residuos do Instituto de Investigacións do CSIC. Desde A Coruña intégrase o grupo de Bioenxeñaría Tisular e Terapia Celular da Fundación Novoa Santos.
A Universidade do Minho achega as capacidades do 3B’s Research Group e desde Porto o Centro de Biotecnologia e Química Fina da Universidade Católica Portuguesa-Centro Rexional do Porto, o grupo Biocarrier do Instituto de Engenharia Biomédica e o grupo BioMark Sensor Research do Instituto Superior de Engenharia.