Ir o contido principal

Guadi Galego presenta este xoves ‘Lúas de outubro e agosto’ na Casa de Saber no marco do ciclo Lubicán

Guadi Galego
Guadi Galego
O concerto da ex compoñente de Berrogüeto comezará ás 20.30 horas. A entrada é libre e de balde ata completar o aforo

Guadi Galego, unha das artistas máis relevantes da escena musical de Galicia, presentará este xoves 9 de abril no auditorio da Casa do Saber de Lugo o seu último álbum ‘ Lúas de outubro e agosto’, o seu segundo traballo como solista tras o álbum Benzón, publicado en 2009.

A traxectoria musical de Guadi Galego é moi intensa e rica, foi voz principal e gaiteira do grupo Berrogüetto, tamén formou parte como intérprete e compositora dos interesantes proxectos colectivos Nordestinas, Espido e aCadaCanto.

Na súa volta á programación musical do Lubicán 2015, un ciclo organizado ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que se financia con achegas orzamentarias de USC, Concello e Deputación de Lugo, Guadi Galego preséntase agora cun son e unha expresión artística máis madura e tamén máis atrevida, máis melódica pero á vez, máis arriscada.

Lúas de outubro e agosto’ é un traballo contén fermosas cancións cun nexo común, a natureza das composicións, a esencia do vivido e madurado, a emoción e a intensidade, a delicadeza e o risco. Todo un exercicio de inspiración para encontrar vías non exploradas e propoñer unha música chea de sinceridade que sen dúbida vai sorprender.

O concerto de presentación en Lugo do último álbum de Guadi Galego comezará ás 20.30 horas, no auditorio da Casa do Saber de Lugo. A entrada é libre e de balde para todas as persoas interesadas ata completar aforo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.04.2015.