Ir o contido principal

A Guía de Prácticas e Saídas Laborais da Fundación Galicia Europa foi presentada no Campus de Lugo

Noelia Vijande e Mónica Balboa presentaron a guía ante os estudantes e profesores
Noelia Vijande e Mónica Balboa presentaron a guía ante os estudantes e profesores

A Fundación Galicia Europa presentou este mércores no salón de actos da Escola Politécnica Superior de Lugo a Guía de Prácticas e Saídas laborais na Unión Europea e Organizacións Internacionais nun acto coordinado pola Área de Orientación e Inserción Laboral do Campus de Lugo.
A presentación deste manual estivo a cargo de Noelia Vijande e Mónica Balboa, que expuxeron a súa experiencia en distintas bolsas de formación universitaria, prácticas institucionais e proxectos de cooperación. Á sesión asistiron estudantes, titulados, PAS e profesorado do Campus, que recibiron exemplares gratuítos da guía.
A Fundación Galicia Europa é unha entidade sen ánimo de lucro creada para a promoción de todas as accións que propicien o achegamento entre Galicia e Europa. A guía que elaboraron ten o obxectivo de orientar aos mozos galegos sobre as distintas oportunidades de formación e inserción laboral que se ofertan no eido comunitario e internacional. É un manual próximo, con contidos exhaustivos e detallados, elaborado por bolseiros con experiencia previa nas institucións da Unión Europea.
Entre os epígrafes do libro pódense atopar prácticas na Unión Europea, bolsas de estudo, bolsas das consellarías e saídas laborais en organismos relevantes como o Fondo Monetario Internacional, a OTAN ou a ONU.
Como explicaron as relatoras, a obra foi creada como apoio para os mozos galegos que buscan saídas profesionais ou formativas ao rematar os seus estudos, xa que recolle as principais axudas que ofrecen as institucións comunitarias e internacionais. Engade tamén neste conxunto informativo bolsas para estudos de idiomas e as propias bolsas formativas da Fundación Galicia Europa.
A guía está estruturada tematicamente e o seu uso é sinxelo xa que ofrece nun cadro claro e sinxelo os datos principais, como prazos de solicitude, os centros universitarios europeos, os requisitos e a duración e contía.
Varios exemplares da guía estarán a disposición dos alumnos na Biblioteca para a súa consulta, do mesmo xeito que pode consultarse a información na web da fundación, www.fundaciongaliciaeuropa.eu.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.05.2008.