Nova guía técnica para a presentación formal das teses de doutoramento
O Centro de Posgrao e Terceiro Ciclo e o Servizo de Publicacións e Intercambio Científico acaban de poñer a disposición de doutorandos e doutarandas da USC unha Guía para a presentación das teses de doutoramento na que se propón un modelo de deseño e composición textual destes traballos de investigación baseado en criterios de homoxeneidade, lexibilidade tipográfica e facilidade funcional para os usuarios. A Comisión de Doutoramento da USC emitiu un informe favorable deste modelo de presentación, que pretende servir de ferramenta, resolver problemas técnicos derivados do proceso de composición textual e unificar o formato das teses da USC que, á súa vez, o Servizo de Publicacións e Intercambio Científico aloxa en soporte dixital en acceso aberto no repositorio institucional Minerva. Este modelo de presentación é opcional e de aplicación altamente recomendable, pero de ningún xeito obrigatorio para os actuais doutorandos e doutorandas da USC.