Ir o contido principal

Guillermo Rojo subliñou a importancia futura das tecnoloxías da información no traballo dos lingüistas

O catedrático da USC e numerario da Real Academia Española, Guillermo Rojo, adiantou na conferencia ‘Corenta anos de investigación en lingüística’ que o traballo dos lingüistas mudará nos vindeiros anos como consecuencia do impacto das tecnoloxías da información. O encontro celebrouse no Consello da Cultura Galega dentro do ciclo ‘Palestras maxistrais’.
No relatorio, o catedrático Rojo destacou a existencia dun abondoso caudal de datos a disposición dos lingüistas, circunstancia que non permite prescindir doutros traballos e, dende logo, da investigación básica.
En xeral, profundou nas dimensións da lingüística informática, da lingüística computacional e da tecnoloxía lingüística que, en calquera caso, depende dos estudos sobre esa lingua e do seu nivel de informatización, “causa das diferenzas de coñecemento entre linguas”.
Presentado polo reitor da USC Senén Barro, Guillermo Rojo dedicou a primeira parte da súa conferencia á evolución dos estudos da lingüística, incluso antes da súa implantación na Universidade de Santiago, etapa que coincidiu coa súa formación universitaria e especialización.

‘Palestras maxistrais’‘Palestras maxistrais’ xorde coa pretensión de que expertos do sistema científico e universitario compartan a súa visión do desenvolvemento cultural e científico de Galicia dende as distintas disciplinas. Organizado polo Consello da Cultura Galega, o ciclo conta coa colaboración das tres universidades galegas e da Dirección Xeral de I+D+i da Consellaría de Innovación e Industria.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.02.2008.