Ir o contido principal

Histagra recupera fondos xornalísticos inéditos do século XX sobre agrarismo, republicanismo e emigración da época

Deetalle dun dos ejemplares de . Fotos: Histagra
Deetalle dun dos ejemplares de . Fotos: Histagra

O grupo Histagra acaba de recuperar, dixitalizar e catalogar destacados fondos xornalísticos do primeiro terzo do século XX que axudarán a “recuperar a memoria agraria e política do país”. A documentación recuperada estará en próximas datas en rede a disposición das persoas interesadas.

Trátase “dun dos fondos inéditos máis destacado do agrarismo, republicanismo e emigración da súa época”, explican dende o grupo de investigación do Departamento de Historia Contemporánea e América. A recuperación foi posible grazas á colaboración de Perfecto Ramos Rodríguez, estudoso local do tema, e particularmente á familia de Marcelino Gómez Arias (1880-1924), “un dos persoeiros que máis destacaron na loita pola república e os dereitos dos agrarios nos primeiros anos do século XX”, apunta o propio Ramos Rodríguez.

Entre o material recuperado atópanse exemplares correspondentes a distintos números de La España Moderna, El Clamor Español, Tierra Libre, ou El Amigo del Pueblo. Tamén un exemplar de El Despertar Gallego e outro de La Zarpa, que forman parte do material legado por Marcelino Gómez e conservado polos seus descendentes. Ademais, recuperáronse dous exemplares de Aires del Miño e de El Eco del Condado, que aínda que non pertencentes ao legado de Gómez Arias, “son dous documentos escasos e importantes para a historia da comarca pontevedresa”, explican dende Histagra.

Xunto estas publicacións periódicas tamén se documentaron dous anuncios doutros tantos mitins celebrados en Arbo en 1923 e na Cañiza en 1923, respectivamente. Como explican os investigadores da USC, a recuperación foi posible grazas á colaboración da neta de Marcelino, Lucrecia, quen cedeu os orixinais para a súa posta a disposición de investigadores e persoas interesadas e moi especialmente a Perfecto Ramos, xa que “foi el quen recuperou a figura de Marcelino, a súa historia e as súas loitas, que plasmou na obra Marcelino Gómez Arias. Unha vida dedicada á loita pola república e o agrarismo”.

Detalle do anuncio do mitin de Arbo de 1923. Foto: Histagra

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.02.2016.