Ir o contido principal

Historia analiza o estado actual das investigacións sobre poder, imaxe, opinión pública e propaganda na Idade Moderna

‘Poder, imaxe, opinión pública e propaganda na Idade Moderna’ é o lema elixido para a cuarta edición do seminario ‘Obradoiro de Historia Moderna’, que se vai celebrar este xoves 28 e o venres 29 na Facultade de Xeografía e Historia da USC. A formación, desenvolvemento e uso das representación do poder nesta época histórica multiplicouse de xeito extraordinario nos últimos anos, alcanzando ao mesmo tempo consistencia e solidez. O traballo investigador neste ámbito iníciase coa recompilación de informacións eruditas e detalladas de carácter literario e iconográfico para pasar á súa análise interna e contextualización. Acádase así un máis amplo e profundo coñecemento do seu significado e das súas funcións políticas, sociais e culturais. Este cuarto seminario que organiza o grupo de investigación de Historia Moderna da USC medirá o estado actual das investigacións neste eido, en especial da historiografía modernista española e galega, favorecendo o necesario debate sobre cuestións metodolóxicas e estudos máis recentes. As intervencións programadas abordarán cuestións básicas como a construción simbólica do poder rexio, as representacións doutros poderes como o eclesiástico e o nobiliario, os recursos propagandísticos postos ao servizo do poder e a propaganda bélica na Ideade Moderna. Programa Logo do acto de apertura previsto para as 9:30 horas, a quenda de intervencións comezará coa presenza do profesor da Universidade de Zaragoza Eliseo Serrano Martín para falar sobre ‘Imaxes do rei e identidade do Reino nos rituais e celebracións públicas en Aragón no século XVI’. Tomando o relevo, o profesor da Universidade Jaume I Víctor Mínguez Cornelles presentará un relatorio no que reflexiona sobre ‘Iconografía da batalla de Lepanto. Arte, propaganda e representación simbólica dunha monarquía universal e católica’. O programa continuará a partir das 11:45 horas coa intervención ‘Corte e casas reais na Monarquía Hispana: a imposición da Casa de Borgoña’ do profesor da Autónoma de Madrid José Martínez Millán para rematar a xornada matinal cunha análise das proclamacións constitucionais de 1812 no Noroeste peninsular.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.10.2010.