Ir o contido principal

O historiador Francisco Espinosa presenta en Santiago o seu último libro 'Callar al mensajero'

Reivindica nel o dereito a investigar nos feitos que se sucederon tras o Golpe de Estado de 1936

O historiador estremeño Francisco Espinosa Maestre (Villafranca de los Barros, Badajoz, 1954) presenta este xoves 22, ás 11:00 horas na aula 14 da Facultade de Xeografía e Historia da USC, o seu último libro Callar al mensajero (Península, 2009) nun acto organizado polo Proxecto de Investigación Interuniversitario ‘Nomes e Voces’.
O acto, presentado e moderado polo catedrático de Historia Contemporánea e investigador principal do Proxecto Lourenzo Fernández Prieto, contará ademais coa presenza do historiador Dionisio Pereira, protagonista dun dos episodios que Espinosa recolle no seu libro que trae a primeiro termo a cuestión da recuperación da memoria da represión franquista e o dereito dos estudosos a investigar nos feitos que se sucederon tras o Golpe de Estado de 1936.
Callar al mensajero é o resultado dun traballo de investigación de doce casos concretos que arrancan na transición nos que os seus protagonistas tiveron que facer fronte a problemas xurídicos; os historiadores por mor das súas labores de recuperación da memoria histórica e os familiares por tentar resarcir a dignidade das vítimas.
Eses casos que o autor aborda no libro teñen como protagonistas diferentes nomes e lugares, destacando pola súa proximidade Dionisio Pereira, coordinador do Proxecto ‘Nomes e Voces’, denunciado polos familiares dun suposto represor por proporcionar o seu nome no marco das súas pescudas sobre a represión franquista en Cercedo (Pontevedra), e o falecido Ramón Garrido, autor dun texto de carácter autobiográfico no que se facía referencia á actividade represora do alcalde de O Grove e que tras figurar na rede foi retirado tras a denuncia da familia deste.
Francisco EspinosaFrancisco Espinosa Maestre é historiador e doutor en Historia, ademais de coordinador científico do Proxecto en rede para a consulta de represaliados polo franquismo ‘Todos los Nombres’ de Andalucía (http://www.todoslosnombres.org).
A súa obra Callar al mensajero preséntase como o último traballo dunha longa traxectoria dedicada á investigación da República, do Golpe de Estado de 1936 e da represión franquista no suroeste, traducidas en moitos artigos e publicacións entre os que destacan La guerra civil en Huelva (Diputación de Huelva, 1996), La justicia de Queipo (Crítica, 2000), La columna de la muerte (Crítica, 2003), El fenómeno revisionista o los fantasmas de la derecha española (Del Oeste Ediciones, 2005), Contra el olvido (Crítica, 2006) e La primavera del Frente Popular (Crítica, 2007).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.10.2009.