O historiador Francisco Espinosa presentou en Santiago o seu último libro Callar al mensajero

O historiador estremeño Francisco Espinosa Maestre (Villafranca de los Barros, Badajoz, 1954) presentou este xoves na Facultade de Xeografía e Historia da USC o seu último libro, Callar al mensajero (Península, 2009), nun acto organizado polo Proxecto de Investigación Interuniversitario ‘Nomes e Voces’.
O acto, presentado e moderado polo catedrático de Historia Contemporánea e investigador principal do Proxecto Lourenzo Fernández Prieto, contou ademais coa presenza do historiador e coordinador do Proxecto ‘Nomes e Voces’, Dionisio Pereira, protagonista dun dos episodios que Espinosa recolle no seu libro que trae a primeiro termo a cuestión da recuperación da memoria da represión franquista e o dereito dos estudosos a investigar nos feitos que se sucederon tras o Golpe de Estado de 1936.
Francisco EspinosaFrancisco Espinosa Maestre é historiador e doutor en Historia, ademais de coordinador científico do Proxecto en rede para a consulta de represaliados polo franquismo ‘Todos los Nombres’ de Andalucía (http://www.todoslosnombres.org).
A súa obra Callar al mensajero preséntase como o último traballo dunha longa traxectoria dedicada á investigación da República, do Golpe de Estado de 1936 e da represión franquista no suroeste, traducidas en moitos artigos e publicacións entre os que destacan La guerra civil en Huelva (Diputación de Huelva, 1996), La justicia de Queipo (Crítica, 2000), La columna de la muerte (Crítica, 2003), El fenómeno revisionista o los fantasmas de la derecha española (Del Oeste Ediciones, 2005), Contra el olvido (Crítica, 2006) e La primavera del Frente Popular (Crítica, 2007).