O historiador José Antonio Durán presenta na USC un documental sobre Rosalía
‘Sombras sen sombra: Rosalía de Castro’ é o título do documental biográfico con guión e dirección do historiador José Antonio Durán que el mesmo presentará o vindeiro martes, 18 de maio, na Facultade de Xeografía e Historia.
Á conferencia de Durán e estrea do documento audiovisual, que coa presentación do profesor Xavier Castro terá lugar nun acto público ás 20:00 horas na Aula 12, asistirá o decano da Facultade, Juan Monterroso.
‘Sombras sen sombra: Rosalía de Castro’, documental biográfico de 55 minutos da serie Memoria e Historia, está realizado por Jorge Durán, director técnico e xerente do Taller de Edicións. Os dereitos exclusivos de emisión en lingua galega foron adquiridos pola Televisión de Galicia, que o estreará o mércores, día 20.
A investigaciónJosé Antonio Durán, que dedicou tres libros ao estudo de Manuel Murguía, Durán ofrece no documental por primeira vez a exposición do seu punto de vista en relación ao asunto da paternidade de Rosalía de Castro; pero non só. Como é habitual nel, a utilización de novas fontes e a aplicación dunha reinterpretación analítica da personaxe central, contribuirá a dar unha visión global máis histórica e anovadora da escritora galega.
Hai tamén no documento, como explicará na conferencia, sorpresas audiovisuais tendo en conta que Rosalía foi unha escritora de máxima reputación internacional que no campo do documental histórico-biográfico “non pasou de ser unha especia de ente de ficción”, afirma Durán.