Ir o contido principal

Homenaxe a Castelao na USC no 125 aniversario do seu nacemento

O director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle, disertará o vindeiro 31 de xaneiro sobre o traballo do escritor na arte, na literatura e na política, na Facultade de Medicina

A Universidade de Santiago e a Xunta de Galicia homenaxearán o vindeiro luns 31 de xaneiro ao escritor Castelao, coincidindo coa celebración do 125 aniversario do seu nacemento (30 de xaneiro de 1886). Será nun acto que terá lugar na Sala Castelao da Facultade de Medicina, chamada así precisamente en honra ao narrador e debuxante que cursou os seus estudos de médico na USC. O reitor da universidade, Juan Casares Long, e o director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos da Xunta de Galicia, Francisco López Rodríguez, presidirán ao acto,que se desenvolverá a partir das 12:00 horas. O director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle, encargarase de impartir unha conferencia, na que analizará os tres eidos polos que transitou o intelectual galeguista: a arte, a literatura e a política. O acto é unha mostra máis do compromiso que a USC ten coa figura de Castelao, que se reflexa tamén en varias publicacións como foi a das Actas do Congreso Castelao (2 volumes) ou a edición crítica, a gran formato, de Sempre en Galiza, realizada baixo a coordinación de Ramón Máiz.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.01.2011.