Ir o contido principal

Homenaxe a Puy Muñoz, “o profesor que educaba para a Xustiza”

O reitor e o presidente do Parlamento, xunto coas profesoras que participaron no libro. Foto: Santi Alvite
O reitor e o presidente do Parlamento, xunto coas profesoras que participaron no libro. Foto: Santi Alvite
A Facultade de Dereito acolleu o acto de presentación dun volume da catedrática Milagros Otero Parga
Santiago de Compostela

O que fora profesor emérito da USC Francisco Puy Muñoz, finado en 2024, recibiu este venres unha homenaxe na Facultade compostelá de Dereito que contou coa presidencia do reitor Antonio López e a asistencia, entre outros, do presidente do Parlamento, Miguel Santalices, e da catedrática e ex Defensora do Pobo, Milagros Otero Parga, autora do libro Francisco Puy Muñoz. El profesor que educaba para la Justicia que se presentou na sesión.

O acto iniciouse precisamente coa intervención da profesora Otero, discípula do homenaxeado, que deu paso ás da catedrática de Filosofía do Dereito da Universidade do Minho (Portugal) e prologuista do volume, Clara Calheiros; da profesora da Universidade das Americas (Ecuador) e autora do epílogo, Johanna Ponce; e do director de varias coleccións da editorial Reus na que está editado, Carlos Rogel Vide.

O volume desgrana de maneira detallada en catro seccións a vida de Francisco Puy, o legado intelectual que deixou, a súa pegada no tecido social e un currículo da súa traxectoria profesional. 

En esencia, a obra de Milagros Otero pretende ofrecer unha visión de conxunto da vida e obra de Puy Muñoz, persoeiro relevante no eido académico internacional así como da vida social e política de Galicia.

 

No acto presentouse o libro 'Francisco Puy Muñoz. El profesor que educaba para la Justicia'. Foto: Santi Alvite
No acto presentouse o libro 'Francisco Puy Muñoz. El profesor que educaba para la Justicia'. Foto: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.09.2025.