O horror nazi a través dos debuxos de nenos e nenas do gueto checo de Tazarín

Con motivo do pasado 27 de xaneiro, Día Internacional de Conmemoración en Memoria das Vítimas do Holocausto, diversas entidades culturais e civís organizan unha mostra cos debuxos de nenos e nenas que viviron entre 1940 e 1945 no campo nazi de Tezerín (República Checa).
A exposición ‘Os nenos que viviron e debuxaron o Holocausto. Debuxos dos nenos do ghetto de Terezín’ inaugúrase este venres 3 ás 18.00 horas no claustro alto (primeiro piso) do Colexio de Fonseca, onde permanecerá aberta ata o 24 de febreiro en horario de luns a venres de 9.00 a 21.00 horas.
Organizada pola Comunidade Xudea de Galicia, a Asociación de Amigos da Ópera de Santiago, o Centro Checo de Madrid e a USC, a mostra consta de 33 debuxos realizados na chamada Kleine Festung Theresienstadt (pequena fortaleza de Terezín), que fora un centro de aloxamento para militares dende a finalización da súa construción en 1784 e que case dous séculos despois pasaría a albergar o horror.
U nha muller clave
Na chamada “sala de espera do inferno” estiveron recluídos os considerados inimigos do réxime nazi entre 1940 e 1945, entre eles moitos intelectuais de orixe xudía, algo que explica a intensa actividade cultural nese campo de concentración.
A Tezerín chega a finais de 1942 Fredericke «Friedl» Dicker-Brandeis, unha muller clave na organización –clandestina– de clases de arte para a poboación infantil que se atopaba alí recluída. Ensinoulles a debuxar aos nenos e nenas á vez que deseñaría os decorados e o vestiario para representacións infantís como a Ópera Brundibár do compositor checo Hans Krása, tamén recluído en Terezín, e que recentemente se representou en Compostela.
O seu principal obxectivo era restablecer o mundo interior dos pequenos a través da expresión artística de modo que puideran canalizar as súas emocións e entender o seu entorno. Friedl exercía unha grande influencia positiva sobre todos eles ata que en setembro de 1944 o seu marido foi transportado a Auschwitz e Friedl voluntariamente aceptou acompañalo.
Con ela irían algúns dos seus alumnos camiño da morte, mais os que sobreviviron conseguiron conservar miles de debuxos realizados nas súas clases e con eles a testemuña de que todo o que se pretendía ocultar baixo a fachada da fortaleza existiu e debe ser lembrado.