Ir o contido principal

Os Hortos da USC inician a súa actividade en 2015 cunha xornada formativa

Os Hortos da USC inician a súa actividade en 2015 cunha xornada formativa
Os Hortos da USC inician a súa actividade en 2015 cunha xornada formativa
Nas próximas semanas poranse en marcha os do Campus de Lugo

A Oficina de Desenvolvemento Sostible pon en marcha unha nova edición dos Hortos da USC, dentro do movemento USC en Transición, iniciativa que prioriza a busca de métodos e accións que axuden ás comunidades a reducir o seu consumo de enerxía e aumentar así a súa autosuficiencia. Os Hortos da Universidade compostelá desenvolveranse baixo os principios da agricultura ecolóxica e co obxectivo de promover un modelo de desenvolvemento sostible. Ademais, nacen como espazos de participación da comunidade universitaria, onde alumnado, profesorado e persoal de administración e servizos están convidados a colaborar nalgún do hortos existentes nos campus de Santiago (residencia Burgo das Nacións, Colexio Maior Fonseca e edificio CACTUS). Nas próximas semanas poranse en marcha os hortos do Campus de Lugo. O próximo 4 de marzo está prevista a celebración dunha primeira xornada de formación que se desenvolverá no Colexio Maior Fonseca a partir das 17.00 horas. Ademais, o proxecto de hortos está incluído no programa de voluntariado medioambiental e pode ser recoñecido academicamente. Tanto para obter máis información como para formalizar a inscrición as persoas interesadas poden consultar a web da Oficina de Desenvolvemento Sostible ou dirixirse ao correo electrónico plands [at] usc.es (plands[at]usc[dot]es). Os hortos comunitarios convértense nunha ferramenta para reducir a pegada de carbono alimentaria, promovendo a produción de alimentos na contorna e reducindo así as emisións de gases de efecto invernadoiro pola produción e transporte dos alimentos. A maiores, os hortos son espazos para a cohesión da comunidade, practicando colectivamente un estilo de vida máis sostible e máis saudable.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.02.2015.