Húngaro, árabe, eslovaco, grego, ruso ou linguaxe de signos, entre a oferta de cursos intensivos do Centro de Linguas Modernas da USC para o verán

Alemán, árabe, catalán, checo, chinés, eslovaco, francés, grego moderno, húngaro, inglés, italiano, polaco, portugués, ruso e xaponés son os idiomas que o Centro de Linguas Modernas (CLM) da USC ofrece nos seus cursos intensivos de verán en Santiago, que tamén inclúen este ano a linguaxe de signos. A oferta presentárona en rolda de prensa o vicerreitor de Relacións Exteriores e Internacionalización, Víctor Millet, e a directora do CLM, Katerina Vlasakova. Os cursos diríxense principalmente ao alumnado da USC que vaia estudar a unha universidade estranxeira cunha bolsa dos programas de mobilidade durante o curso 2012-2013 pero tamén están abertos a outras persoas con interese nesas linguas así como a estudantes de ensino secundario que cumpran ao longo de 2012 dezaseis anos. En Lugo impartiranse alemán, francés, inglés, italiano e portugués. Na aprendizaxe das clases, que con 40 horas de duración se desenvolverán en horario de mañá ou de tarde entre os días 9 e 20 de xullo, darase maior importancia á práctica das destrezas orais que ás outras. A matrícula para os 24 cursos que se ofertan en total (iniciación e perfeccionamento) permanecerá aberta do 1 ao 25 de xuño, cunha proba de nivel para alemán, inglés e francés o día 15. Terceiro centro examinador de xaponés en España Como novidade, nas mesmas datas ofértase un curso intensivo de 20 horas para a preparación do exame oficial de lingua xaponesa NOKEN (Nihongo nōryoku shiken), que acredita o coñecemento do idioma xaponés en todo o mundo e é análogo ao exame CELGA para a lingua galega e ao DELE para a lingua española. Este ano o exame será o 2 de decembro. O primeiro centro universitario que acolleu este exame en España foi a Universidade Autónoma de Barcelona en 1972, á que lle seguiu en 1992 a Autónoma de Madrid. Agora, a partir de 2012, a Universidade de Santiago de Compostela convértese no terceiro centro examinador oficial en España coa autorización da Japan Foundation. Dáse así resposta á crecente demanda deste idioma como proban as 80 persoas que están matriculadas nalgúns do catro niveis que se imparten na USC. Semana Cultural de Xapón Entre os días 4 e 7 de xuño terá lugar en Santiago a Semana Cultural de Xapón, que o martes 5 traerá á cidade ao embaixador de Xapón para participar nalgunha das actividades previstas, todas elas de libre entrada e participación gratuíta. Segundo explicou a profesora de xaponés do CLM, Minako Takahashi, o programa de actividades inclúe o luns 4 a proxección da película ‘Cuarteto (カルテット)’, un concerto do instrumento musical koto o día 5 na Igrexa, unha demostración de cerimonia de té o día seguinte e un taller da arte en papel Origami para rematar o xoves 7.