Ir o contido principal

O Ibader acolle esta fin de semana un curso básico oficial de Sistema de comunicación por intercambio de imaxe (PECs)

Cartaz do curso básico oficial de PECs
Cartaz do curso básico oficial de PECs
O profesor e pedagogo Mario Montero Camacho impartirá este seminario organizado pola asociación Capaces-Lugo en colaboración coa Universidade de Santiago

O Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) acubillará esta fin de semana un curso básico oficial de Sistemas de comunicación por intercambio de imaxe (PECs), un seminario organizado pola Asociación de apoio ás persoas de Trastornos de Espectro Autista (TEA) e Trastornos de Comunicación (TC) Capaces-Lugo en colaboración coa USC e no que xa formalizaron a súa inscrición un total de 27 persoas.

O seminario, que será impartido polo profesor da Universidade de Girona e pedagogo Mario Montero Camacho, quen ten completado un máster sobre autismo na universidade británica de Birmingham ademais doutras investigacións sobre sistemas alternativos e aumentativos de comunicación, desenvolverase na sede do Ibader ao longo desta fin de semana. O programa do curso, dirixido a pais, profesionais, profesores, logopedas e terapeutas, así como estudantes universitarios, abrangue temáticas diferenciadas que van desde a análise dos compoñentes clave para deseñar ambientes educativos efectivos, estratexias para crear unha abundancia de oportunidades educativas, a relación dos PECs cos programas de adestramento tradicional e as súas fases de aplicación, ata o criterio para a transición dos PECs a outras modalidades de comunicación. As distintas sesións formativas terán lugar na sede do Ibader, emprazada nun edificio da rúa luguesa Estrada da Granxa, en quenda de mañá e tarde. Así, o curso comezará este sábado, día 1 de febreiro, a partir das 8.45 horas. A sesión de mañá prolongarase ata as 14.00 horas e os asistentes retomarán o curso en quenda de tarde, de 15.30 a 17.30 horas. O domingo, a xornada de clausura do curso manterá os mesmos horarios.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 31.01.2014.