Ir o contido principal

O Ibader celebra do 8 ao 12 de setembro un obradoiro en xestión da fertilidade en agricultura ecolóxica para produtores e técnicos

José Antonio Fernández, Lara Méndez, Adolfo López e María Elvira López Mosquera, na presentación do obradoiro
José Antonio Fernández, Lara Méndez, Adolfo López e María Elvira López Mosquera, na presentación do obradoiro
O prazo de matrícula neste seminario, que está estruturado en 24 horas de formación teórica e práctica, remata o vindeiro venres, 5 de setembro

O Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) celebrará do 8 ao 12 de setembro un obradoiro en xestión da fertilidade en agricultura ecolóxica. Os codirectores desta actividade formativa, a directora do Ibader, María Elvira López Mosquera, e o tamén profesor da Escola Politécnica Superior de Lugo, Adolfo López Fabal, presentaron este martes este novo programa no salón de actos da Deputación Provincial de Lugo, no marco dun acto no que tamén estiveron presentes a vicepresidenta segunda da Deputación, Lara Méndez, e o presidente do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia, José Antonio Fernández Álvarez.

O obradoiro, que segundo indica López Fabal, xurde como resposta a unha necesidade formativa demandada polo propio sector, pretende mellorar a formación e o coñecemento sobre as prácticas de xestión da fertilidade en agricultura ecolóxica. A fertilidade do solo é un dos maiores condicionantes da produtividade das terras de cultivo e da rendibilidade das explotacións agrícolas, sinala López Fabal, quen subliña que para unha utilización eficiente dos fertilizantes que minimice os efectos ambientais é preciso contar con coñecementos sobre nutrición dos cultivos, dinámica dos nutrientes no solo e das características dos materiais fertilizantes. Daquela, o profesor López Fabal lembra que na agricultura ecolóxica a práctica da fertilización ten aspectos diferenzas respecto da convencional, xa que a limitación do uso de fertilizantes minerais confire maior importancia ó manexo da materia orgánica e ás características biolóxicas do solo. Este obradoiro sobre xestión de fertilidade en agricultura ecolóxica contará cun total de nove relatores, que abordarán, ao longo de 24 horas formativas, os distintos aspectos da fertilidade, ben en sesións teóricas ou con clases prácticas, parte das que se desenvolverán nos laboratorios da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo. As persoas interesadas en formalizar a súa matrícula neste obradoiro, cuxo prezo de inscrición é de 90 euros, poden facelo ata o xoves nas propias instalacións do Ibader, ou ata o venres, día 5 de setembro, a través do enderezo de correo electrónico adolfo.lopez [at] usc.es (adolfo[dot]lopez[at]usc[dot]es) ou no número de teléfono 982 823 135.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.09.2014.