O Ibader organiza en Lugo un curso sobre produción de ovino e caprino no medio rural
O Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) da USC organiza entre o 26 e o 28 de xuño unhas xornadas sobre produción de gando ovino e cabrún no medio rural, dirixidas polos veterinarios Antonio Iglesias Becerra, Jesús Cantalapiedra Álvarez e Isabel Blanco Penedo e que terán lugar na sede do instituto no Campus de Lugo. O encontro comeza o martes 26 con senllos relatorios sobre os programas de recuperación das razas autóctonas galegas de ovellas e cabras, a cargo de Silvia Adán e Pablo Béjar, ambos os dous pertencentes á Federación de Razas Autóctonas de Galicia (BOAGA). Posteriormente Ángeles Moreno, da Asociación de Criadores de Raza rubia Galega (Acruga) impartirá un relatorio sobre o comportamento das especies ovina e caprina no medio natural. E Pablo Iglesias, do Servizo de Explotacións Agrarias da Xunta de Galicia, presentará o programa de axudas nas explotacións de ovino e caprino en Galicia. A xornada do mércores 27 iníciase cunha intervención de Eloi Villada, do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) de Lugo, sobre o aproveitamento silvopastoral con pequenos ruminantes. A continuación Manuel Ángel Fernández, responsable técnico de ruminantes da empresa Evialis Galicia, falará sobre as pautas de alimentación da ovella de leite. Este segundo día do curso péchase cun relatorio sobre o control da paratuberculosa na produción ovina a cargo de José Ramón de Jesús, de CZ Veterinaria. A sesión final do curso, o día 28, abrirase cunha dobre charla sobre as enfermidades infecciosas e parasitarias máis comúns nos pequenos ruminantes en Galicia e os coidados no año neonato, por parte do veterinario Miguel Viña, da Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (Ovica). O curso péchase coa intervención de Jorge Luíz Ramella, profesor do Centro de Ciencias Agroveterinárias da Universidade do Estado de Santa Catarina, no Brasil, quen achegará aos participantes no curso os programas de conservación da raza ovino crioula Lageana e os sistemas de produción de carne de ovino de calidade que se aplican no país suramericano. A inscrición a este curso pode facerse desde a propia páxina web do Ibader.