O IDEGA propón un debate arredor do futuro demográfico de Galicia
‘O futuro demográfico de Galicia’ é o lema dunha xornada do Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia da USC (IDEGA) que este martes 10 analizará as causas e consecuencias asociadas á caída da fecundidade en Galicia.
No Salón de Plenos do Consello Económico e Social de Galicia, a xornada comezará ás 9.00 horas nunha sesión inaugural na que está previsto que participen o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela; a presidenta do Consello Económico e Social de Galicia, Corina Porro Martínez; e o director do IDEGA, Xoaquín Fernández Leiceaga.
Os debates ordenaranse arredor de tres bloques temáticos nos que se aludirá á caída da fecundidade en España, o cambio demográfico en Galicia e, finalmente, ás consecuencias socioeconómicas do cambio demográfico. Para completar a sesión, unha mesa redonda abrirá o debate sobre o futuro demográfico á participación de representantes das organizacións sindicais UGT, CIG, e CCOO así como da Confederación de Empresarios de Galicia.