Ir o contido principal

O Idega traballa na preservación do patrimonio cultural de comunidades vulnerables de Ecuador e El Salvador

O proxecto traballa na posta en valor do patrimonio indíxena tanxible e intanxible. Foto: EPSULA
O proxecto traballa na posta en valor do patrimonio indíxena tanxible e intanxible. Foto: EPSULA
Integrantes deste proxecto europeo reúnense na USC para seguir avanzando na elaboración dun portal multilingüe que compendie ese patrimonio con fins pedagóxicos e para favorecer o turismo sostible

O Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (Idega) da USC participa, a través do grupo de investigación ANTE, no proxecto europeo EPSULA, que aborda os problemas urxentes de exclusión social en comunidades vulnerables de áreas remotas e rurais en Ecuador e El Salvador mediante a creación dun entorno educativo que fomente a diversidade cultural, promova o patrimonio indíxena e fortaleza a cohesión social de xeito respectuoso co medio ambiente.

EPSULA (‘Preservando o patrimonio cultural para o empoderamento das comunidades vulnerables’) traballa na posta en valor do patrimonio indíxena tanxible e intanxible a través de gravacións auténticas que formarán unha colección coa que se elaborarán materiais educativos destinados a promover esa riqueza cultural. O obxectivo é desenvolver un portal multilingüe que compendiará ese patrimonio en perigo de desaparecer. Ademais, elaboraranse módulos educativos e capacitacións para favorecer o turismo sostible.

Ademais da USC, forman parte do proxecto as universidades europeas de Masaryk (Chequia) e Tampere (Finlandia) e as americanas Unicaes e Don Bosco (El Salvador) e as do Azuay e Politécnica Salesiana (Ecuador). Representantes de varias elas atópanse estes días na Universidade de Santiago para seguir avanzando no proxecto. Na primeira das reunións participou a vicerreitora de Política Científica da USC, Pilar Bermejo; o director do IDEGA e do grupo de investigación ANTE, Rubén Lois; Athena Alchazidu, da Universidade Masaryk de Brno (República Checa), directora do grupo de investigación que lidera o proxecto, así como docentes da Universidade de Tampere (Finlandia).

Os socios latinoamericanos recompilan, rexistran, transcriben e traducen materiais de comunidades indíxenas vulnerables, mentres que os socios europeos desenvolven o portal e os módulos educativos. Os socios locais poñen a proba estes recursos nas súas institucións e programas existentes, así como en talleres e capacitacións. Ademais, o papel da USC tamén é a coordinación dun Work Package sobre control de calidade do proxecto.

Integrantes do prixecto reuníronse esta semana na USC
Integrantes do prixecto reuníronse esta semana na USC
Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.01.2025.