O IDIS logra a reacreditación como instituto de investigación sanitaria por cinco anos máis

As fortalezas do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) acaban de volver ser recoñecidas polo Instituto de Saúde Carlos III. Nun acto presidido polo reitor Antonio López e no que tomou parte o conselleiro de Sanidade, Jesús Almuiña, o centro dirixido polo doutor José Castelo, conseguía a reacreditación como instituto de investigación sanitaria, fito que o capacita para desenvolver o seu labor durante cinco anos máis. Este constitúe o segundo proceso de reacreditación que supera o IDIS, situándose en primeira liña da ciencia biomédica en Galicia e España.
Balance positivo
Nesta liña, a Memoria Anual de Actividade correspondente a 2019 do IDIS acaba tamén de ser aprobada. Os indicadores, con incrementos en todas as súas áreas, desvelan un aumento dos fondos captados do 10% respecto ao ano anterior, cun total de 32.208.340 euros. Destacan os 92 proxectos activos, 57 nacionais, 15 internacionais e 20 rexionais; e un incremento superior ao 50% de fondos destinados ao desenvolvemento destes programas.
No capítulo de Recursos Humanos, o pasado exercicio permitiu a contratación de 65 persoas. Súmanse así aos 1.280 profesionais que conforman o Instituto, 209 máis que o ano anterior, integrados en 94 grupos organizados en seis áreas de investigación: oncoloxía, xenética e bioloxía de sistemas, endocrinoloxía, neurociencias, plataformas e metodoloxía e inflamación. A produción científica viuse tamén notablemente incrementada, con 839 artigos publicados en preto de 500 revistas de prestixio internacional e a defensa de 64 teses ao abeiro do IDIS. A transferencia á sociedade a través da industria tivo tamén un resultado positivo con 44 patentes solicitadas e sete xa concedidas; así como cinco empresas spin- off creadas no seo do Instituto.
Retos 2025
O IDIS márcase un novo horizonte competitivo para o 2025, pensando xa na seguinte reacreditación. Durante este tempo, segundo o seu director José Castelo, “expómonos unha serie de obxectivos estratéxicos que pasan, fundamentalmente, por manter o incremento de todos dos nosos indicadores de actividade, estabilizar o talento dos nosos investigadores e do persoal técnico e estar máis preto da sociedade”. A folla de ruta ten varias liñas mestras: “os nosos grupos de influencia e o conxunto da sociedade deben percibir a importancia do traballo de investigación e o noso papel de ligazón coa industria e coa medicina asistencial, ese é o camiño da excelencia”, recoñece Castelo. Facer máis efectiva a integración da área sanitaria de Lugo, con máis infraestruturas e colaboracións con centros de referencia e incrementar espazos para favorecer o desenvolvemento de proxectos, son outros dos retos que tamén se marca o IDIS.
Cooperación institucional
Na reunión tamén se abriu paso ao acordo que regulará a dependencia funcional do IDIS, a partes iguais, da USC e da Consellería de Sanidade-Sergas. Este vínculo pon de manifesto as sinerxías entre ambas as dúas as entidades e a aposta conxunta pola investigación sanitaria e o liderado de institutos como o IDIS que contribúen a crear marca Galicia e a proxectala a gran escala.