Ir o contido principal

O IES ‘Ollos Grandes’ de Lugo recoñece a USC como ‘Institución Amiga’ pola súa contribución ao éxito do ‘STEMbach’

Profesorado da USC e alumnado de ensino medio no IES Ollos Grandes de Lugo
Profesorado da USC e alumnado de ensino medio no IES Ollos Grandes de Lugo
Uns 15 docentes da USC colaboran co instituto lugués no desenvolvemento do bacharelato de excelencia STEM, un programa que xa completaron 40 estudantes dun centro que no curso 2021-22 ofrecerá ao seu estudantado de BAC módulos específicos de emprendemento e tecnoloxía e humanidades
Lugo

O Campus de Lugo da USC é unha nova ‘Institución Amiga’ do IES ‘Nosa Señora dos Ollos Grandes’, tal e como anunciou este mércores o director do centro de ensino secundario da capital luguesa, Francisco Núñez, nun acto simbólico organizado para facer visible a gratitude de docentes e estudantes do instituto á colaboración recibida do profesorado da sede universitaria luguesa para a implantación do STEMbach, tal e como se coñecen os bacharelatos de excelencia en ciencia e tecnoloxía, un programa complementario do ensino regrado que nos últimos dous anos xa completaron 40 alumnas e alumnos do ‘Feminino’.

O director deste instituto da capital luguesa quixo compartir este recoñecemento público á colaboración recibida desde a USC e nomeadamente, desde a sede universitaria luguesa, a cada un dos 15 profesores da USC que ao longo do último bienio colaboraron de xeito desinteresado en titorías e sesións de transmisión de cultura e método científico ao alumnado de ensino medio inscrito en programas de STEMbach.

Francisco Núñez aproveitou o acto presentación do último número da revista do centro educativo ‘Tempus de letras’, unha publicación que, entre outros temas, tamén se fai eco dos proxectos científicos e tecnolóxicos desenvolvidos polo alumnado do instituto de ensino secundario, para tributar un particular recoñecemento ao grupo de docentes da USC implicados no STEMbach, así como á propia vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, quen recibiu a peza de cerámica de simboliza este galardón.

Valcárcel salientou na súa intervención n sesión, na que tamén participaron como relatoras as docentes do centro Pilar Fernández, que coordina o STEMbach no IES ‘Ollos Grandes’, e Ana López, responsable da área de Didáctica da Lingua Galega, a importancia de tender pontes desde a USC cos niveis de ensino preuniversitario, ao tempo que trasladou os seus parabéns tanto ao alumnado como ao profesorado implicado dalgún modo nos programas STEMbach.

“Os bacharelatos de excelencia en ciencia e tecnoloxías son un itinerario acaído para alimentar novas vocacións entre a mocidade e especialmente no alumnado feminino cara ás enxeñarías ou calquera outra titulación de carácter científico e tecnolóxico”, dixo Valcárcel. Ademais, engadiu, “o Campus de Lugo, en particular, e a USC, no seu conxunto, ofrecen un abano de estudos universitarios amplo e atractivo para que os estudantes de Bacharaleto poidan ampliar a súa formación e avanzar así na consecución dos seus soños”.

A coordinadora STEM no IES ‘Ollos Grandes’ destacou asemade a implicación de docentes e estudantes como clave do éxito deste bacharelato de excelencia, un programa que no curso 2021-22 deparará novas posibilidades ao alumnado preuniversitario, que poderá inscribirse en módulos específicos de emprendemento e tecnoloxía ou ligados ao ámbito das humanidades. Pilar Fernández tivo tamén palabras de agradecemento para o profesorado da USC implicado nesta iniciativa de éxito, un grupo entre o que figuran docentes de diversas áreas de coñecemento nas Facultades de Veterinaria e de Ciencias, así como da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría.

 

De esquerda a dereita, Pilar Fernández, Francisco Núñez, Montserrat Valcárcel e Ana López
De esquerda a dereita, Pilar Fernández, Francisco Núñez, Montserrat Valcárcel e Ana López
Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.06.2021.