Ir o contido principal

O IGFAE disporá dunha nova sede con miras a “acadar metas máis ambiciosas”

De esquerda a dereita, Carlos Salgado, Román Rodríguez e Antonio López. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Carlos Salgado, Román Rodríguez e Antonio López. FOTO: Santi Alvite
O reitor Antonio López, o conselleiro Román Rodríguez e o director do centro, Carlos Salgado, presentaron un proxecto que mobiliza preto de cinco millóns de euros
Santiago de Compostela

O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e da Xunta de Galicia, disporá dunha sede á altura da súa dimensión como centro clave “na captación de talento” e que lle permita “adecuar o espazo ás súas necesidades”, tal e como apuntou o reitor Antonio López na presentación dun proxecto que mobilizará preto de cinco millóns de euros e que se enmarca no convenio entre a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e as tres universidades galegas para mellorar as súas infraestruturas de investigación. “Este é un salto cualitativo”, dixo Carlos Salgado, director do IGFAE, “que nos permitirá acadar metas máis ambiciosas”.

Pola súa parte, o conselleiro Román Rodríguez destacou o IGFAE como “un centro que representa á perfección o nivel investigador da nosa Comunidade, referente no campo da física de alta enerxía, na física de partículas e nuclear e que acolle a membros que teñen recibido algunhas das axudas de maior prestixio dentro do sector como son as Starting Grant e Advanced Grant”. Neste sentido, salientou que a excelencia e o volume da actividade investigadora que se realiza neste centro fai necesario dotalo “dunhas instalacións renovadas e ampliadas para seguir reforzando e impulsando as liñas de investigación deste instituto”.

O proxecto presentado este luns, 7 de novembro, conforma unha actuación mixta, de acondicionamento do xa edificado no interior do inmoble actual e de execución dun novo volume en planta baixa, grazas á que se dotará a IGFAE de novos espazos dedicados a laboratorios e investigación. Acadarase unha superficie total de 4.880,15 m² dos que 348,5 m² corresponden ao volume de ampliación, para o que se empregarán os espazos dos andares -1 e -2 do edificio Monte da Condesa que xa ocupaba o Instituto, acrecentados cos locais anexos que ocupaba a antiga cafetería e mais os espazos ocupados por grupos de investigación que xa non están presentes neses locais.

Nova sede do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE)
Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.11.2022.