Ignacio Martínez Mendizabal, investigador das escavacións de Atapuerca, explicou en Medicina algunhas das claves da evolución humana
O profesor de Paleontoloxía da Universidade de Alcalá de Henares e membro do equipo das escavacións na Serra de Atapuerca Ignacio Martínez Mendizabal pronunciou este mércores na USC unha conferencia para o numeroso público que se congregou na Facultade de Medicina. Baixo o título ‘ Escoitar fíxonos humanos’, explicou algunhas das claves da evolución humana en termos de competencia comunicativa.
Doutor en Bioloxía e coordinador da Área de Evolución Humana do Centro Mixto Universidade Complutense de Madrid-Instituto de Saúde Carlos III para o estudo da evolución e do comportamento humano, Ignacio Martínez forma parte do equipo das escavacións na Serra de Atapuerca dende 1984, traballo polo que en 1997 recibiu, xunto co resto do equipo, o Premio Príncipe de Asturias.
Martínez Mendizabal é autor de numerosos artigos científicos nas máis prestixiosas revistas internacionais, libros de ensaio e divulgación. As súas principais liñas de investigación relaciónanse coa base do cranio, a audición e a orixe da linguaxe na evolución humana.
Numeroso público congregouse en Medicina para escoitar a Mendizabal (Foto: SERVIMAV-USC)