A Igrexa da Universidade acolle a exposición 'Miradas Alleas', unha visión dos viaxeiros sobre Galicia

A Igrexa da Universidade acolle a partir deste martes a exposición fotográfica ‘Miradas Alleas. Unha visión de Galicia’, producida pola Secretaría Xeral de Comunicación en colaboración coa USC e o Centro Galego de Artes da Imaxe. A mostra, que se poderá visitar ata o 3 de xuño, está comisariada por Manuel Vilariño, Premio Nacional de Fotografía 2007.
O acto inaugural terá lugar ás 20:00 horas presidido polo reitor da USC, Senén Barro, que estará acompañado polo vicerreitor de Cultura, Elias J. Torres; o director do CGAI, Guillermo Escrigas, e Manuel Vilariño.
‘Miradas Alleas’ pretende explicar a maneira de mostrarse Galicia diante dos viaxeiros que a visitaron no último século e medio. Así, a mostra realiza un percorrido desde as fotografías que en 1865 realizou Charles Thurston Thompson para o Proxecto Fotográfico Ibérico ata as que tiraron, entre outros, Aziz+Cucher, Jean Dieuzaide ou Bernard Plossu en 2004.
Na mostra apréciase a evolución da técnica fotográfica, o troco da mirada, a comparanza de resultados dos que basean as súas estratexias nunha pretendida táctica documental cos que poñen en primeiro plano a subxectividade da visión, o carácter de construción social e cultural que acompañan a calquera imaxe.
A exposición proponse, polo tanto, mostrar Galicia no mundo a través da comparanza entre o particular e o universal, as súas características como pobo co xeral do que forma parte.
Entre as fotografías que recolle a exposición atopamos autores como Charles Thurton Thompson, Cisneros, J. David, Goyanes, Otto Wunderlich, Walter Ebeling, Daniel Canogar, Humberto Rivas, Karen Knorr e Allan Sekula, entre outros moitos.