Ir o contido principal

A Igrexa da Universidade acolle a exposición 'Rudesindus. A cultura europea do século X'

A mostra forma parte dunha triloxía que arrancou en Mondoñedo e rematará en Celanova

Este ano cúmprese o 1100 aniversario do nacemento de Rudesindus, máis coñecido como San Rosendo, canonizado no século XII e de sólida formación intelectual e teolóxica que se converteu en bispo da sé mindoniense e administrador da sé apostólica. Conmemorando esta efeméride, a S.A. de Xestión do Plan do Xacobeo, coa colaboración da USC, organiza a exposición ‘Rudesindus. A cultura europea do século X’ que se inaugurará este venres, día 6, ás 18:00 horas na Igrexa da Universidade.
A mostra forma parte dunha triloxía que arrancou na vila de Mondoñedo co título ‘A Terra e o Templo en Mondoñedo’, continúa en Compostela coa ‘Cultura europea do século X’ e rematará en Celanova coa mostra ‘O legado do santo en Celanova’.
Rudesindus. A cultura europea do século XA cultura europea do século X é o eixo da mostra, unha época na que a cidade de Santiago tiña un carácter internacional debido á importancia que estaba acadando o fenómeno da peregrinación a Compostela, de dimensións transnacionais. Daquela Rudesindus era o bispo administrador da diocese de Iria-Compostela.
A exposición organízase en sete bloques. No primeiro, ‘Xentes e territorios. Unha concepción do mundo’ aparecen representadasas principais culturas da época: a cristiá, a bizantina e a islámica, tendo en conta que a sociedade do século X mantiña a clásica división medieval entre campesiños, o poder laico e o poder eclesiástico. Xa na parte ‘Campo e cidade. Novos horizontes de vida e traballo’ trátase máis polo miúdo a sociedade, a vida cotiá, a cultura material, o comercio e a fusión cultural entre Oriente e Occidente.
O terceiro bloque dedícase á cultura monástica e nel móstrase como o estamento eclesiástico era un dos poderes que artellaban a sociedade feudal da Alta Idade Media. Profunda nos mosteiros, verdadeiros centros de poder en toda Europa e tamén en Galicia, destacando Samos, Sobrado dos Monxes, San Martiño Pinario, San Pedro de Rocas ou San Miguel de Celanova.
‘Reliquias e peregrinación’ céntrase no Tesouro de San Rosendo, constituído por un conxunto de pezas medievais vinculadas co culto ao santo. En ‘Espazos sacros’ recóllense pezas dos templos cristiás prerrománicos e mozárabes que contaban cun compoñente relixioso significativo, como era a ara do altar ou xogos de elementos litúrxicos para o servizo.
Na sección ‘O esplendor da corte’ descóbrese o esplendor artístico das dúas potencias políticas existentes en Europa no século X; por unha parte o poder do califato omeia de Córdoba –principal capital de Occidente-; e pola outra, o poder do Imperio bizantino da dinastía de Macedonia en Constantinopla -principal centro no Mediterráneo Oriental-.
A mostra remata co bloque ‘As portas do Xuízo Final’ no que se explica o convulsa da sociedade do século X, coa fame, a guerra e as enfermidades como principais causas de mortaldade e coa crenza estendida da chegada do xuízo final no ano 1000. Por ese motivo difúndense os códices do Comentario ao Apocalipse do monxe beato de Liébana.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.07.2007.