A Igrexa da Universidade, sede expositiva da mostra 'O debuxo por diante'
A Igrexa da Universidade, o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), o Auditorio de Galicia e a Fundación Eugenio Granell son as catro sedes expositivas da mostra ‘O debuxo por diante’ que este martes, día 13, abre as súas portas co obxecto de facer visible a presenza troncal e relevante do debuxo na arte contemporánea. Unha exploración deste complexo mundo e unha revalorización dos fondos procedentes das coleccións de arte públicas de Compostela caracterizan esta exposición.
Kiko da Silva, Monse Cea e Eduardo Valiña son os comisarios da mostra que conta con dous grandes eixes, Vasos Comunicantes, que se desenvolverá nas salas da Fundación Granell, CGAC e Igrexa da Universidade, permitindo ver unha selección de obras das institucións participantes; e Por fora do papel, que recolle proxectos específicos realizados para esta exposición e para espazos concretos. Así, o proxecto de Rubén Santiago poderase visitar no Parque da Música; o de Ignacio Uriarte na Fundación Granell; na Igrexa da Universidade o de Mauro Trastoy; na Zona “C” (sala expositiva de San Domingos de Bonaval) o de Juan Carlos Bracho; e, por último, o proxecto específico de Irene Van de Mheen no CGAC.
Os debuxos aparecen con frecuencia como aquilo que despois derivará na verdadeira obra de arte, o que en ocasións leva a agachar a súa presenza nas coleccións. ‘O debuxo por diante’ pon de manifesto a riqueza das coleccións públicas de Santiago de Compostela (Eugenio Granell, Saul Steimberg, Jean Jacques, Jack Dauben, Franklin Rosemont, Marcel Duchamp, Maruxa Mallo, Richard Serra, Arturo Souto, Luis Seoane, Raimundo Patiño, Quintana Martelo, Pamen Pereira, etc). Súmanse ao proxecto as intervencións específicas de cinco artistas novos e unha mostra representativa do papel do debuxo na ilustración, na banda deseñada e no deseño gráfico.
A exposición, aberta ata o 29 de abril, destaca do debuxo todas as características que, por un lado, teñen contribuído á súa minusvaloración pero que, por outro lado, convérteno nunha ferramenta indispensable para coñecer a arte contemporánea. As pezas expostas inclúen manifestacións actuais e históricas incorporando no discurso expositivo obras de diferentes períodos, tratando de xerar un percorrido visual polas sensibilidades, temas e formas de tratamento do debuxo. Máis que por diferentes etapas estilísticas, a proposta expositiva déixase guiar pola procura da reacción do público, da súa interacción coas propostas.