O II Certame de Fotografía ‘Ruth Matilda Anderson’ da USC promove a igualdade dentro e fóra da comunidade universitaria

O Certame de Fotografía ‘Ruth Matilda Anderson’ da USC inicia a súa segunda edición mantendo a súa misión orixinal, promover a igualdade dentro e fóra da comunidade universitaria. Desenvolvido pola Oficina de Igualdade de Xénero da Vicerreitoría Responsabilidade Social e Calidade, o Certame contribúe a realización de dúas accións recollidas no Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes da USC 2009-2011 como son a promoción da elección de especializacións non baseadas en estereotipos de xénero e a celebración do Día Internacional da Muller Traballadora. Trátase dunha iniciativa aberta ao conxunto da comunidade universitaria da USC e a exalumnado a través da que a institución académica busca sacar á luz o traballo que realmente realizan as mulleres e que historicamente se veu invisibilizado. Ademais, entre os seus obxectivos está contribuír a deconstruír na medida do posible os estereotipos de xénero acerca dos traballos que son propios de mulleres e os que o sonde homes, á vez que motivar a facer unha escolla da carreira profesional dun xeito máis libre e vocacional. O Certame toma o nome dunha muller que realizou un traballo importante nun campo desenvolvido tradicionalmente por homes, deixando ademais como herdanza unha obra destacable na que se inclúe o retrato que realizou da muller galega dos anos 20 a través da súa particular mirada. Requisitos e premios As fotografías, que poden presentarse ata o 31 de marzo no Rexistro Xeral da USC, deben versar sobre a muller dende diversas perspectivas, premiándose a creatividade, innovación e o impacto da imaxe. As fotografías entregaranse en formato dixital, cunha resolución mínima de 300 ppp e un tamaño A3 ou A4. O xurado seleccionará as vinte e cinco fotografías de maior calidade técnico-artística, coas que se realizará unha exposición itinerante por diversos centros da USC. De entre estas o xurado seleccionará as tres mellores, decisión que fará pública o vindeiro mes de abril. O primeiro premio ten unha dotación económica de mil euros e a utilización da fotografía como cartel conmemorativo do Día Internacional da Muller Traballadora en 2012 pola USC; o segundo conseguirá oitocentos euros e o terceiro cincocentos. Os gañadores recibirán os seus premios nunha cerimonia a celebrar no Salón de Graos do Colexio de San Xerome. Exposición Coas vinte e cinco mellores fotografías seleccionadas organizarase unha exposición itinerante polas Facultades de Xeografía e Historia e Ciencias da Comunicación e as Bibliotecas Concepción Arenal de Santiago e Intercentros de Lugo. Ademais, e como novidade fronte á pasada edición, a exposición chegará tamén á Aula de Cultura da Fundación Caixa Galicia e a algúns centros socioculturais do Concello de Santiago. O xurado encargado da selección intégrano a vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade, Benita Silva; o vicerreitor de Extensión Universitaria, Cultura e Sociedade, Javier Garbayo; a concelleira delegada de Urbanismo, Vivenda e Educación, Mercedes Rosón; os profesores de Ciencias da Comunicación, Antía López e Fernando Redondo; e o director do Gabinete de Comunicación da USC, Lois Celeiro. Para acadar máis información, as persoas interesadas poden consultar a convocatoria do Certame na web da Oficina de Igualdade de Xénero.