O II Certame ‘Ruth Matilda Anderson’ da USC retrata o traballo das mulleres

Os vinte e cinco mellores traballos fotográficos que participaron no II Certame ‘Ruth Matilda Anderson’, promovido pola Oficina de Igualdade de Xénero da USC, poden verse dende este luns na Aula de Cultura da Fundación Novacaixagalicia (r/ Carreira do Conde). A mostra foi inaugurada este 25 de abril polo reitor da USC, Juan Casares, e a vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade, Benita Silva. Entre as imaxes expostas atópanse as tres gañadoras deste segundo certame de fotografía, cuxos premios se entregaron con anterioridade á inauguración da mostra. O primeiro deles, do que resultou gañador Marcos Fernández Blanco, ten unha dotación económica de mil euros e a súa fotografía, titulada Vacina utilizarase como cartel conmemorativo do Día Internacional da Muller Traballadora en 2012 pola USC. O segundo galardón recaeu en Rodrigo Díaz López, que recibirá oitocentos euros pola imaxe Casero; mentres que o terceiro foi para José Manuel Pérez Pena por Burka e conta cunha dotación económica de cincocentos euros. O concurso ten como obxectivo promover a igualdade dentro e fóra da comunidade universitaria, buscando sacar á luz traballos que realizan as mulleres e contribuíndo, na medida do posible, de deconstruír os estereotipos existentes acerca dos traballos que son propios das mulleres e os que o son dos homes. A mostra das mellores imaxes da segunda edición do ‘Ruth Matilda Anderson’ poderá visitarse ata o 8 de maio na Aula de Cultura da Fundación Novacaixagalicia e posteriormente, percorrerá as Facultades de Xeografía e Historia e Ciencias da Comunicación e as Bibliotecas Concepción Arenal de Santiago e a Intercentros de Lugo. Ciclo cine No mesmo lugar e coa muller como protagonista, inaugurouse este luns o ciclo ‘As muller nos clásicos cinematográficos’, promovido igualmente pola Oficina de Igualdade da USC. O ciclo comezou coa exhibición da película Volver do director Pedro Almodóvar. Entre o 25 de abril e o 6 de maio poderán verse un total de dez filmes na Aula de Cultura da Fundación Novacaixagalicia, con entrada de balde ata completar aforo. Tres cores: azul, Todo sobre Eva, O crepúsculo dos deuses ou Arroz Amargo, son algúns dos títulos que forman parte deste ciclo. Rodrigo Díaz López acadou o segundo premio coa imaxe 'Casero' O terceiro premio foi para José Manuel Pérez Pena por 'Burka'