Ir o contido principal

O II Congreso Galego de Investigación en Ciencias da Educación traballa na mellora da realidade educativa e social

O encontro celébrase estes días no Campus Sur

Máis dun centenar de estudantes en etapa de posgrao de Ciencias da Educación das tres Universidades galegas expón dende hoxe mércores e ata o venres 16 nun congreso as súas experiencias e investigacións. Coa iniciativa dos investigadores da USC trátase de crear un espazo aberto para a promoción, o intercambio e a discusión dos traballos desenvolvidos nas diferentes áreas de coñecemento do ámbito educativo.
O equipo organizador do II Congreso Galego de Investigación en Ciencias da Educación pretende tamén fomentar a cooperación entre os investigadores das diferentes áreas e reforzar o recoñecemento dos seus estudos como motor de desenvolvemento da sociedade actual “cara á mellora da realidade educativa e social”. Por outra banda, no encontro divulgarase a oferta existente en canto aos recursos e posibilidades económicas de axuda e financiamento para a investigación.
Trátase dun evento practicamente autofinanciado polos grupos de investigación e equipos vinculados á Facultade anfitrioa, o que lle dá mostra do interese dos convocantes por compartir as súas inquedanzas científicas.
Programa do mércoresO encontro, que se desenvolve integramente na Facultade de Ciencias da Educación do Campus Sur, inaugurouno a secretaria xeral da USC, Isabel García-Rodeja, nun acto no que interviñeron tamén o decano Lois Ferradás e o co presidente do congreso, Juan José Lorenzo.
Durante as tres xornadas que dura o encontro presentaranse numerosas comunicacións da autoría do persoal investigador participante. Pero ademais haberá conferencias a cargo de expertos entre os que destacan Rafael Bisquerra e José Luis Aróstegui, prestixiosos metodólogos na área das Ciencias da Educación. Interveñen tamén os catedráticos de Didáctica e Organización Escolar da USC e da UVigo, Miguel A. Zabalza e Mª Ángeles Parrilla; o catedrático de Pedagoxía Social da USC, José Antonio Caride; e o da Universidade de Valladolid, Miguel Vicente Mariño, así como unha representación doutras institucións como Universidade Invisible ou Uninova.
No acto de clausura do venres estará presente a vicerreitora de Investigación e Innovación, Maria José Alonso, o vicedecano de Converxencia Europea e Calidade da Facultade de Ciencias da Educación, Jesús Rodríguez, e Laura Rego, co presidenta do Congreso.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.04.2010.