O III Curso de especialización en vacinas ofrece aos profesionais sanitarios unha ferramenta imprescindible de actualización de coñecementos

Co obxecto de contribuír á mellora da capacitación dos profesionais da comunidade autónoma, a Universidade de Santiago de Compostela e Sanofi Pasteur MSD organizan o III Curso universitario de especialización en vacinas, que tamén inclúe a celebración de cursos de formación continuada neste mesmo eido. Poderán formar parte do plan formativo todos/as aqueles/as profesionais pertencentes ao ámbito da Atención Primaria, Pediatría, Medicina Preventiva, Saúde Pública e Enfermaría. O curso presentouse este mércores 18 na Facultade de Medicina nunha rolda de prensa na que interviñeron o decano da Facultade, Juan Gestal; a directora xeral de Innovación e Xestión de Saúde Pública da Consellaría de Sanidade, Sonia Martínez Arca; e o director de Relacións Institucionais de Sanofi Pasteur MSD, Pedro Alsina. Segundo o profesor Juan Gestal Otero, director deste programa formativo, “o curso supón unha grande oportunidade para que os/as profesionais poñan ao día os seus coñecementos sobre unha das ferramentas preventivas máis eficaces”. Ademais, a súa posta en marcha “é unha boa noticia para a poboación xa que, dada a enorme importancia que teñen as vacinas para a Saúde Pública, resulta imprescindible a actualización permanente de contidos profesionais neste ámbito”. Pola súa banda, Pedro Alsina puxo de manifesto o compromiso da compañía Sanofi Pasteur MSD de colaborar cos profesionais sanitarios, as institucións educativas e a administración sanitaria na mellora da protección da saúde e o desenvolvemento do benestar económico e social. Para Alsina "participar na definición de programas de formación continuada en vacinas que reforcen o coñecemento dos profesionais sanitarios e favorezan a xestión eficaz desta ferramenta de prevención, é ademais dun compromiso da compañía coa sociedade, un motivo de orgullo para todos/as os/as que traballamos en Sanofi Pasteur MSD". Galicia conta cun dos programas de saúde pública máis completos de España, dentro dos que a vacinación xoga un papel clave, segundo explicou Sonia Martínez, quen ademais opina que “os programas públicos de vacinación son, de maneira especial nos últimos anos, un dos pilares da política autonómica de prevención e mellora da Saúde Pública”. Martínez Arca tamén destacou que Galicia alcanzou elevadas cotas de vacinación na poboación infantil e adulta. En concreto, precisou que as coberturas de vacinación superan o 95% nas series infantís e sinalou a modo de exemplo que no ano 2012 se conseguiu unha cobertura superior ao 95% en todas as vacinas administradas no primeiro ano de vida. Para asegurar o éxito neste eido, a directora xeral avogou pola colaboración e sinerxías de moitos actores unidos arredor do coñecemento, remarcou. Sobre o curso A formación impartirase na Facultade de Medicina da USC ao longo do curso académico 2013-2014. As clases darán comezo o día 21 de outubro. Trátase dun curso semipresencial que permitirá ao alumnado compaxinar o traballo coa súa formación académica. Consta de 9 módulos que comprenden diferentes materias entre as que destacan epidemioloxía aplicada ás vacinas, vacinas sistemáticas e non sistemática na infancia e vacinacións no adulto, vacinas en situacións especiais, desenvolvemento de novas vacinas e aspectos éticos e legais no ámbito das vacinas. Sobre o valor das vacinas A vacinación é a medida preventiva máis eficaz de todos os tempos ao lograr a erradicación, eliminación e o control de enfermidades infecciosas. Segundo a Organización Mundial da Saúde, exceptuando a potabilización da auga, non existe outro método preventivo con maior impacto na diminución da mortalidade e no desenvolvemento da poboación. Por todo isto e como se puxo de manifesto na presentación deste mércores, é importante potenciar o valor da prevención e das vacinas, así como manter altas cotas de vacinación que favorezan o control de enfermidades infecciosas. Os expertos coinciden en recordar que a ausencia de vacinación faría emerxer enfermidades que actualmente están controladas, erradicadas ou en vías de eliminación. Acerca de Sanofi Pasteur MSD Sanofi Pasteur MSD é unha joint venture entre Sanofi Pasteur, a división de vacinas de Sanofi, e Merck & Co., Inc. Grazas á combinación de innovación e de especialización, é a única empresa en Europa dedicada exclusivamente a vacinas. O seu obxectivo é ampliar a protección fronte a máis enfermidades e perfeccionar as vacinas existentes co fin de mellorar a aceptación, eficacia e a tolerancia da vacinación.