Ir o contido principal

A III edición da Feira de Emprendedoras de Compostela poñerá o foco nas mulleres que crean tecido empresarial innovador

III edición da Feira de Emprendedoras de Compostela
Cartel da feira
Este evento que se desenvolverá os días 29 e 30 de outubro foi presentado este xoves en rolda de prensa e constitúe “un encontro entre universitarias xurdidas da USC”
Santiago de Compostela

USC e Concello de Santiago colaboran un ano máis na organización da III edición da Feira de Emprendedoras de Compostela, un evento que quere outorgar visibilidade ás mulleres emprendedoras que están creando tecido empresarial innovador, con verdadeiro valor engadido, na Comarca de Compostela. “Trátase dun encontro entre universitarias xurdidas da USC, referentes como creadoras e sustentadoras dun tecido empresarial feminista, con valor engadido e Responsabilidade Social Empresarial (RSE) na área de Compostela,  con alumnas que estudan diferentes disciplinas na USC, ou que estudaron e xa acabaron, e contemplan o emprendemento como unha saída laboral”, explican dende a organización deste evento que conta cunha parte de formación que terá lugar no Salón Nobre do Colexio de Fonseca os días 25, 26 e 27 de outubro, de 12.00 a 14.00 horas. A Feira foi presentada este xoves nunha rolda de prensa celebrada no Pazo de Raxoi e na que tomaron parte a Vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo, e o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo.

As universitarias recibirán ao longo destes días unha formación teórica sobre emprendemento con perspectiva de xénero, farán unha análise sobre o espírito emprendedor nas mulleres, elaborarán un Canvas feminista e tratarán a importancia de aplicar a innovación e a creatividade ao tecido empresarial, entre outras temáticas. “Este encontro quere crear un diálogo directo entre referentes de liderados feministas, con proxectos innovadores e emerxentes, ou futuras emprendedoras universitarias”, continúan explicando dende a organización.

Ademais, o día 28 de outubro realizarase un percorrido por empresas da comarca de Compostela, “con liderados femininos, e que son un modelo de negocio referente para a actual crise sanitaria, social e empresarial que estamos vivindo”, sinalan. Estas visitas teñen o propósito de que as universitarias coñezan de cerca a aplicación da formación teórica recibida e o funcionamento da mesma, en empresas reais con RSE. “Entidades que poñen ás persoas no centro, que aportan valor engadido para a comarca de Compostela e que son modelos de negocio flexibles e adaptables en momentos de crise”, matizan dende a organización.

Feira expositiva

Os días 29 e 30 de outubro celébrase a Feira expositiva coa presentación de empresas dirixidas por emprendedoras da comarca de Compostela. A Feira estará aberta ao público no Claustro do Colexio de Fonseca co fin de outorgar visibilidade aos produtos e servizos creados por entidades innovadoras, que aportan un valor engadido no Concello de Santiago. Alén da Feira expositiva, tamén se celebrarán Táboas Redondas nas que se tratarán temáticas como a orientación laboral e a empregabilidade con valor engadido, Compostela como territorio referente na biotecnoloxía, o emprendemento na USC dende as diferentes disciplinas, ou o emprendemento colaborativo e a economía feminista, entre outras. Todo o evento será retransmitido en liña a través da canle de Youtube de Woman Emprende. As alumnas que asistan á formación, á Feira expositiva, e así o desexen e o soliciten, concederáselles 1 crédito de libre configuración. A inscrición ao evento pode facerse a través da Secretaría Virtual da USC e tamén a través da páxina web de Woman Emprende.

III edición da Feira de Emprendedoras de Compostela
De esquerda a dereita, Eva López Barrio, responsable de Woman Emprende, xunto a Mar Lorenzo e Xosé Sánchez Bugallo. FOTO: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.10.2021.