Ir o contido principal

A III Semana da Ciencia do IGFAE bota a andar o 10 de novembro co relatorio en liña ‘A que soa o universo?’

O relatorio da experta en ondas gravitacionais, Gabriela González,  o 10 de novembro, será o acto central dunha semana na que se abordará a Física dende múltiples perspectivas
O relatorio da experta en ondas gravitacionais, Gabriela González, o 10 de novembro, será o acto central dunha semana na que se abordará a Física dende múltiples perspectivas
A experta en ondas gravitacionais Gabriela González abre un programa de actividades que contará co debate ‘Física: unha ciencia sen xénero?’
Santiago de Compostela

A III Semana da Ciencia do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) da USC bota a andar cun programa de actividades para todos os públicos e en liña que poderá seguirse a través da súa canle de YouTube. O relatorio da experta en ondas gravitacionais, Gabriela González,  o 10 de novembro, será o acto central dunha semana na que se abordará a Física dende múltiples perspectivas.

‘A que soa o Universo?’

As ondas gravitacionais, detectadas por primeira vez en 2015, brindan unha forma inédita de coñecer o Universo que non depende da luz da que ata o de agora nos serviamos. Grazas a interferómetros extremadamente precisos, é posible "escoitar" as colisións máis violentas e espectaculares de obxectos como buracos negros e estrelas de neutróns a miles de millóns de anos luz de distancia, que engurran o espazo-tempo pola súa extrema gravidade. Afondar en que se descobre coas ondas gravitacionais e que achados depararán no futuro os detectores espaciais planeados é a finalidade da conferencia ‘A que soa o Universo?’ da exvoceira de LIGO, Gabriela González, presentada polo físico, divulgador e youtuber Javier Santaolalla a partir das 20.00 horas do día 10.

Entrega de premios e debate

A entrega dos galardóns correspondentes ao III Concurso de Comunicación Científica do IGFAE terá lugar o 11 de novembro a partir das 18.00 horas. O certame estruturado nas modalidades de monólogos, artigos e vídeos divulgativos poderá seguise nesta ligazón. Ese mesmo día, a partir das 19.00 horas, celebrarse o debate ‘Física: unha ciencia sen xénero?’. Neste eido, a falta de presenza feminina comeza nos estudos de grao, nos que as alumnas representan en torno ao 30%, e a medida que se ascende na carreira investigadora a situación empeora, mesmo máis segundo a especialización, como sucede coa Física Teórica. Neste debate, tres expertas en igualdade de xénero poñerán sobre a mesa algúns datos e iniciativas que se están a desenvolver para reverter esta situación. Ana Jesús López Díaz, presidenta de AMIT- Gal e vicepresidenta do Grupo de Mulleres en Física da Real Sociedade Española de Física; Yolanda Lozano de Gender in High Energy Theory - CERN e Beatriz G. Plana do IGFAE integrarán este foro.

Transfronteirizas

O escritor, músico, actor, condutor de radio e televisión arxentino, Alejandro Dolina, participará no quinto diálogo do ciclo 'Transfronteirizas, conversas de arte e ciencia' cuxo obxectivo é explorar o binomio arte-ciencia con personalidades do ámbito cultural e artístico. O encontro será moderado polo investigador do IGFAE José Edelstein e poderá seguirse en directo, o xoves 12 de novembro, ás 20.00 horas nesta ligazón.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.11.2020.